Escoitar

O Concello alega ao Plan de Espazos e Usos Portuarios coa "maior vontade de cooperación" co Porto

O alcalde de Vigo indicou que o goberno local aprobou as alegacións municipais ao Plan de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios con vontade de "diálogo e acordo" co Porto de Vigo e "cooperación absoluta" cos planteamentos portuarios. O Concello reclama espazos verdes de uso público en Areal ou Praza da Estrela, así como a titularidade da Avenida de Beiramar.

venres, 6 xul 2012
As alegacións municipais solicitan que todos os ámbitos fóra do terreo portuario en Bouzas, A Laxe, o entorno da Praza da Estrela e Areal pasen a ser competencia do Concello, algo que "parece razoable" para Caballero ao ser actualmente de uso público e conservados pola administración local.

Reclama o Concello os xardíns do Areal, o espazo público de Ríos e a franxa entre Areal e os terreos de ADIF, ademais de ampliar a desafectación para incluir as zonas dotaciones, educativas e asistencias en Bouzas (coma o pavillón deportivo ou o campo de fútbol de Bouzas, entre outras).

O goberno local pide a cesión ao Concello da Avenida de Beiramar, cos túneles, garantindo nese caso o acceso ás instalacións portuarias dos vehículos que o precisen, o mesmo que acontece cos terreos de Beiramar e Jacinto Benavente. Por outra banda, a denominada zona central lúdico-portuaria é de uso público, integrada no espazo cidadá, non se xustifica o seu mantemento coma zona de servizo do porto.

O Concello de Vigo pretende correxir igualmente o escaso tratamento que ten os accesos principais ao Porto de Vigo e as conexións coas zonas portuarias, omitindo a proposta do Plan Xeral municipal de dar continuidade ao túnel de Beiramar ata Bouzas, pechando así o primeiro cinto litoral.