Escoitar

O alcalde reclama ás administracións "ir xuntos" para que Vigo sexa porto nodal europeo

Abel Caballero adiantou na mañá deste mércores que o goberno local concluirá en días o documento encargado para demandar a Europa a consideración de Vigo como porto central no continente -agora figura como complementario-, texto que será remitido o próximo luns á ministra de Fomento, ao Comisario europeo de Transportes e aos europarlamentarios españois. Para conseguilo, o alcalde de Vigo avogou pola unidade do Porto, o Concello, a Xunta e o Goberno de España.

mércores, 1 feb 2012
1328101097alcalde2.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que o documento que ultima o Concello incorpora "razóns que nos seguen avalando", como por exemplo que Vigo será cabeceira de Autopista do Mar -"esa porta segue aberta", salientou- ou que a cidade ostenta o liderado europeo en pesca para consumo humano.

O obxectivo da cidade, segundo afirmou Caballero, ten que ser "convencer" a Europa para que atenda estes criterios na normativa que rixe o mapa de transportes europeo, recentemente publicado. Para isto, Abel Caballero demandou a unidade das administracións públicas.

"É un momento para unir forzas" e "ir todos xuntos" a "convencer a Europa", abondou o rexedor vigués, quen recordou que o mapa europeo ten por diante unha longa tramitación que posibilitar a consideración nodal do porto vigués. Pide Caballero que o Porto e o Concello vigueses, a Xunta de Galicia e o Goberno de España sumen forzas ante Bruxelas.
Descargar todas as imaxes