Escoitar

A Fundación Laxeiro asina un convenio coa Deputación de Pontevedra para programación de actividades culturais

venres, 28 xuñ 2002
O presidente da Fundación Laxeiro, Carlos Príncipe, e o presidente da deputación de Pontevedra, José Abeledo, asinaron un convenio de colaboración para o financiamento da programación das actividades culturais que organizará a Fundación no ano 2002. Ó acto da sinatura tamén asistiron Carlos García Suárez e Javier Pérez Buján, secretario xeral e director xerente da Fundación Laxeiro, respectivamente.

Cunha contía que ascende a 24.040’48 euros, a Deputación de Pontevedra, un ano máis, renova o seu compromiso como Entidade Protectora da Fundación Laxeiro coa sinatura deste convenio anual de colaboración para actividades de programación da Fundación Laxeiro.

Esta actuación enmárcase dentro das competencias que a Deputación ten de axuda a iniciativas culturais da provincia e, neste caso, cun antecedente histórico importante: a bolsa que a Deputación concedéralle ó Mestre Laxeiro, no ano 1932, para ampliar estudos na Academia de San Fernando de Madrid.

Con esta sinatura, a Deputación de Pontevedra aposta pola dinamización cultural na provincia na memoria dun dos seus fillos máis ilustres como foi Laxeiro.

A axuda irá destinada na súa totalidade contribuir ó financiamento da programación das actividades culturais que a Fundación está a levar a cabo durante o ano 2002, que engloba exposicións, catalogación da obra de Laxeiro, ciclos de conferencias e o Segundo Memorial Enrique X. Macías de Música Contemporánea.