Escoitar

A concellería de Limpeza pon en marcha o novo plan de recollida de lixo do Casco Vello

xoves, 27 xuñ 2002
A concelleira de Limpeza, Isaura Abelairas, chegou a un acordo con Fomento de Construcciones y Contratas para a posta en marcha do novo plan de recollida de residuos urbanos no Casco vello, que comezará o día 1 de xullo. Os colectores instalaranse diariamente ás 21 horas, baleiraranse a partir das 23 horas e serán retirados das rúas antes das seis da mañá.

As rúas afectadas pola medida son: Poboadores (5 colectores), Perigos (1), Alta (2), San Vicente (1), Gamboa (1), Oliva (7), Palma (1), Real (5) e Chao (3): e as prazas da Constitución (4) e de A Pedra (3).

”Con esta medida, pretendemos preservar o tirón que ten o Casco Vello como lugar de encontro para os vigueses: fortalecer a imaxe de limpeza desta emblemática zona da cidade, para facilitar o seu despegue como activo turístico: e para cortar calquera problema sanitario que puidesen xerar as altas temperaturas de verán pola proliferación de xermes nos contedores, xa que nesta zona hai unha gran concentración de establecementos hostaleiros que xeran gran cantidade de desperdicios de orixe orgánico”, asegura Isaura Abelairas.

A concelleira, que confía na colaboración de comerciantes e de veciños para que a nova recollida se desenvolva con éxito, considera que esta medida vén a sumarse ó servicio de recollida das fines de semana, que desde o pasado día 15 de xuño se realiza nas praias da cidade.