Escoitar

Benestar Social promove un programa de prevención de drogodependencias entre adolescentes xitanos

mércores, 26 xuñ 2002
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, asinou un convenio de colaboración con Cáritas para desenvolver un programa de prevención de drogodependencias entre adolescentes xitanos. O Concello achegou 12.020 euros (2 millóns de pesetas) para a financiación de actividades de educación para a saúde.

Belén Sío felicitou a Cáritas polo labor desenvolvido nestes anos pola impresión de calidade ó traballo que realiza para o que se reforza a colaboración desde a concellería de Benestar Social. Este programa está destinado a grupos de 15 a 20 rapaces que se adestrarán en actividades positivas de ocio e tempo libre mediante o fomento de habilidades sociais.

Desenvolverase a participación dos rapaces en obradoiros, deporte, música e talleres ocupacionais con especial incidencia na poboación feminina. Francisco Domínguez, responsable de Cáritas, destacou que este programa se realiza para desencadear accións e sensibilizar os adolescentes mediante o ocio e tempo libre á vez que adquiren unha forma de vida que propicia comportamentos axeitados na madurez.


Estudio da poboación cigana e transmontana

A proposta da concelleira, Cáritas elaborou un estudio da poboación cigana e transmontana de Vigo que recolle datos demográficos, socioeconómicos, nivel de formación e características da cobertura sanitaria.

Juncal Blanco explicou que a poboación cigana e transmontana asentada en Vigo está formada por 150 persoas distribuídas en 37 unidades familiares. Destacou as súas peculiaridades étnicas que requiren un tratamento adecuado á súa especificidade.

O 68% desta poboación naceu xa en España e o 15% reside en Vigo hai máis de 20 anos. Trátase dun grupo moi cohesionado con lazos de parentesco que non orixina conflicitividade nin desempeña actividades delictivas. Dedícase á vendima, venda ambulante e ó comercio con chatarra.

O 92% dos fogares son beneficiarios de prestacións económicas e favorecidos por actuacións do Promil, de Benestar Social e do Secretariado General Gitano. O escaso acceso á escolarización provoca o analfabetismo no 82% das mulleres.