Escoitar

O Servicio de Normalización Lingüística, premiado co Lois Peña Novo

mércores, 26 xuñ 2002
imx1599.jpg
O premio Lois Peña Novo recae nesta edición no Servicio de Normalización Lingüística dos concellos de Vigo e Moaña pola elaboración do ”Manual de Formularios para Policías Locais”. A xefa deste servicio, Marta Souto, recollerá o xoves 27 de xuño este galardón.

Este premio convócase co obxectivo de destacar aqueles funcionarios da Administración que desenvolven actividades de promoción do uso do galego. O ”Manual de Formularios para Policías Locais” servirá de ferramenta para facilitar o traballo en galego no ámbito da Policía e ”proporciona materiais, modelos e recomendacións administrativas para desenvolver un traballo cotiá en lingua galega”, explicou Marta Souto.

Os autores do manual, xunto con Marta Souto, son Alberto Carballo Acuña, Daniel Macenlle Díaz, Paula Soto Viñas. Para a elaboración desta publicación simplificáronse os formularios, establecéronse criterios de redacción de documentos administrativos, adaptouse a linguaxe á realidade non sexista e fixéronse croquis de vehículos para a localización das víctimas de accidentes, gardando unha unidade en canto á estructura dos escritos. Ademais, cada caso particular adxunta a lexislación e dilixencias en galego.

A Academia Galega de Seguridade remitiulle esta publicación a tódolos concellos para que os policías poidan contaren con esta ferramenta de traballo concibida como unha carpeta de aneis con fichas extraíbles e un disquete informático. Policía administrativa, tráfico e materia penal son os tres grandes apartados que contén este manual.

O Servicio de Normalización Lingüística do Concello de Vigo xa elaborara un ”Léxico de urbanismo, construcción e arquitectura” en 1995 no que se implicaron colectivos de delineantes, arquitectos e departamentos de lingua de Santiago, Moaña e Vigo. Na actualidade, traballa en colaboración coa Universidade de Vigo na creación dun léxico de bombeiros que sairá á luz proximamente e na recuperación de léxico do mundo do mar e da cestería tradicional.

Descargar todas as imaxes