Escoitar

A distinción ”Vasoira de prata” demostra o bo funcionamento do servicio de limpeza de Vigo

martes, 25 xuñ 2002
imx1591.jpg
Abelairas co galardón
O Concello de Vigo recibiu o galardón ”Vasoira de prata” concedido por Atergus polo seu traballo na mellora da xestión de residuos, limpeza e aseo urbano que máis contribuíron á defensa do medio ambiente. Este premio demostra o bo funcionamento do servicio de limpeza de Vigo e considera que é unha das cidades máis limpas do Estado.

A Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente, organizadora do certame, valorou a toma de conciencia dos vigueses na súa responsabilidade na limpeza da cidade. O proxecto, presentado en soporte CD-rom dispón de vídeos, fotografías e información sobre Vigo.

”Vigo conta cuns recursos naturais espectaculares, cun porto situado entre os mellores do mundo, cun cinto verde que serve de pulmón á cidade, cun Parque Nacional paradisíaco...”, expón a concelleira de Limpeza Isaura Abelairas a modo de presentación. ”É fundamental o labor que diariamente facemos desde a Concellería que dirixo, xa que temos a obriga de ofrecer eses magníficos recursos cun servicio de limpeza e conservación óptimos. A calidade de vida empeza por facilitarlles ós cidadáns o disfrute da súa propia cidade”, prosegue Abelairas.

Descrición do proxecto

O proxecto describe a Vigo como a cidade máis importante de Galicia, non só polo seu tamaño senón tamén pola súa posición líder na economía da comunidade, e xoga un papel destacado na Eurorrexión. Conta con case 300.000 habitantes e unha superficie de 110 Km2. A continuación, aparece unha descrición da súa xeografía, con referencias a aspectos climáticos e paisaxísticos.

No apartado de medio ambiente destaca os pasos que deu o Concello de Vigo nos últimos anos. Recentemente constituise o Consello Sectorial de Medio Ambiente e elaborouse un mapa de ruídos. O municipio conta con 22 praias de branca e limpa area, todas elas dotadas de servicios, zonas de recreo, instalacións deportivas complementarias, de atención sanitaria, bares, restaurantes e zonas verdes.

O Parque Nacional das Illas Atlánticas, parques e xardíns urbanos, parques forestais, rutas e sendeiros, patrimonio histórico e arquitectónico, infraestructuras turísticas, gastronomía, comercio, cidade de congresos, recursos culturais, porto e deportes náuticos son outros dos apartados do CD-rom que se complementan con cifras de interese sobre diversos aspectos da cidade.

Descargar todas as imaxes