Escoitar

O Concello financiará cursos de formación e asistencia a familiares de enfermos de Alzheimer

xoves, 27 xuñ 2002
Benestar Social e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaga) asinaron un convenio de colaboración orientado á información, asistencia e formación de familiares e coidadores de persoas con esta doenza dexenerativa.

”O Alzheimer é o terceiro problema sociosanitario despois das enfermidades cardiovasculares e do cancro”, explicou Belén Sío. O 90% dos enfermos de Alzheimer ten coidadores no seu domicilio e mediante este convenio preténdese mellorar a calidade de vida dos seus familiares afectados polas fases de alteración da conducta destes doentes.

Este convenio servirá para impartir cursos formativos e charlas ós familiares dos doentes que queiran achegarse á asociación para ofrecer un coidado de calidade.

A presidenta de Afaga, Concha Blanco, agradeceu o esforzo da Concellería de Benestar Social para contribuír a solventar a situación dos familiares de enfermos de Alzheimer, en constante aumento debido ó cambio da estructura familiar que padece a sociedade actual. Calcúlase que hai máis de 3.000 persoas en Vigo afectadas por Alzheimer.