Escoitar

Vigo, anfitrión da reunión da Confederación de Fondos do Estado español

xoves, 27 xuñ 2002
imx1604.jpg
Reunión
A Confederación de Fondos do Estado español reuniuse hoxe no Concello de Vigo e contou coa asistencia de representantes de tódalas plataformas pertencentes á Confederación. A xornada estivo presidida por Joan Aguado, alcalde de Villafranca del Penedes e máximo representante do Fons Catalá, e polo presidente do Fondo Galego Alfredo Novoa.

O concelleiro Santiago Domínguez, presidente da Confederación de Fondos do Estado en Vigo, deu a benvida os representantes das distintas cidades e desexou que o Fondo siga avanzando na cooperación e na solidaridade con aqueles países que realmente a necesitan. Tamén agradeceu que a Confederación escollera Vigo para esta reunión, que é de carácter itinerante entre os distintos socios do Fondo. Segundo o concelleiro “Vigo é a cidade galega que máis aporta a este Fondo cunha cantidade anual de 72.000 euros (12 millóns de pesetas), amáis de ter experiencia de abondo na presentación de proxectos coas ONGS para o Terceiro Mundo, non en vano ata que se integrou no Fondo este concello tamén tiña a súa propia convocatoria de axuda a estes proxectos”.

Na xuntanza de hoxe falouse do convenio de colaboración entre a AECI, Asociación Española de Cooperación Internacional e os diferentes Fondos existentes, tamén do seguimento da oficina na zona de proxectos de Centroamérica e Caribe, situada en Managua e da oficina do Magreb, que controla os proxectos da rexión.

O Fondo Galego de Cooperación naceu, hoxe haí 5 anos, con 10 socios e 18.000 euros de presuposto. Na actualidade conta con 64 socios e 270.000 euros de capital.
Descargar todas as imaxes