Escoitar

Máis de cen voluntarios amosaron xa o seu interese pola Oficina Municipal de Voluntariado

xoves, 27 xuñ 2002
imx1600.jpg
Participación Cidadá puxo en marcha a Oficina Municipal de Voluntariado na lonxa do Concello co obxectivo de programar e promover a coordinación das actuacións en materia de voluntariado e facilitarlles ás entidades a información necesaria para o desenvolvemento da súas actividades.

Esta oficina, creada ao abeiro do Plan Municipal de Voluntariado, actúa como referente para todos os profesionais que traballan no ámbito do voluntariado e encárgase de servir de soporte técnico na coordinación, planificación e avaliación das accións desenvolvidas desde a Administración local ou en colaboración coas entidades de acción voluntaria. Ademais, promoverá estudios técnicos e investigacións sobre voluntariado.

”A través desta oficina impulsarase unha plataforma de voluntariado froito dunha comisión técnica representativa dos colectivos”, sinalou a concelleira Mariló Cabaleiro. Esta comisión está integrada pola Universidade de Vigo, Cruz Vermella, Cáritas, Federación de Peñas Recreativas ”El Olivo”, federación ”Eduardo Chao”, Marcha Mundial das Mulleres, Aida (Asociación de integración e desenvolmento africano) e a Fundación Vigo en Deporte.

Esta Oficina Municipal de Voluntariado actuará como observatorio, detectando necesidades e avaliando a acción voluntaria e realizará o seguimento e a inspección dos programas de acción voluntaria no ámbito das súas competencias con cargo aos fondos públicos. Deste xeito, ”unificaranse e impulsaranse accións conxuntas de voluntariado para toda a cidadanía”, explicou Cabaleiro.


Accións do Programa Municipal “Voluntarios por Vigo”

1.Formación de voluntarios.
Apoiar na organización de cursos formativos para os voluntarios: orientar, asesorar, formar e guiar as persoas que queiran ser voluntarias.

2.Voluntarios en acompañamento.
Apoiar na organización do programa Voluntarios en Acompañamento: colaborar cos sectores máis desfavorecidos da poboación: nenos en situación de marxinación, enfermos, anciáns, toxicómanos..., dándolle continuidade a un proxecto xa iniciado coa Oficina Municipal da Prestación Social Substitutoria.

3.Voluntarios para Centros de Menores, Centros da 3ª Idade, Hospitais e Institucións Penitenciarias.
Apoiar aos sectores máis desfavorecidos da poboación: enfermos en hospitais, penados, 3ª idade... Incentivar o voluntariado social a través dos valores da soliedariedade e humanidade.

4.Voluntarios para o Desenvolvemento Sociocomunitario das Asociacións.
Apoiar con Voluntarios o Desenvolvemento Sociocomunitario das Asociacións:
-Lograr unha formación íntegra dos responsables dos movementos asociativos en temas xurídicos, económicos, fiscais e coñecemento das novas tecnoloxías.
-Facilitar ás entidades de acción voluntaria a información, formación e asistencia técnica necesaria para o desenvolvemento da súa actividade.

5.Voluntarios para a realización de actividades en Asociacións.
Realizar actividades en Asociacións con Voluntarios: colaborar con asociacións que desenvolvan as súas actividades no ámbito da acción voluntaria e que teñan proxectos conxuntos co Concello de Vigo.

6.Voluntarios no Zoolóxico da Madroa.
Apoiar o fomento do voluntariado de carácter ambiental, ecolóxico e o respecto polos animais.

7.Recuperación das dunas das praias de “Argazada” e “Fontaíñas”.
Apoiar na xestión e posta en marcha do proxecto a fin de lograr a recuperación as dunas das praias de “Argazada” e “Fontaíñas”: fomentar o voluntariado ecolóxico ó tempo que a calidade das nosas praias.

8.O Saír de Clase.
Apoiar e promocionar a labor dos voluntarios maiores como reguladores das saídas dos colexios da cidade.

9.A Cidade dende os Ollos do Pasado.
Promocionar a labor dos voluntarios maiores como axentes de difusión turística.

Descargar todas as imaxes