Escoitar

Medio Ambiente organiza, cada sábado, actividades de sendeirismo

venres, 28 xuñ 2002
A Concellería de Medio Ambiente organiza o programa ”Entre árbores, paso a paso” co obxectivo de ofrecer unha interpretación do patrimonio natural e etnográfico do Concello de Vigo por medio de rutas guiadas. O sábado 29 de xuño o percorrido será dende a Lagoa Mol, en Peinador, ata a Madroa.

Este programa, aberto ó público de todas as idades, consiste nun percorrido a pé do Sendeiro Panorámico de Vigo (GR 53), do Sendeiro do río Eifonso, do río Lagares e da súa xunqueira, e un percorrido circular polo entorno do Parque das Ciencias do Monte da Madroa. A campaña do ano pasado contou con preto de 800 participantes.

Os participantes poderán coñecer a diversidade dos montes de Vigo, tanto as árbores e flores dos distintos tipos de masas forestais e os animais e fungos que nelas viven, así coma o uso do espacio que elaborou o home, tanto na actualidade, coma en tempos prehistóricos. O programa desenvolverase todos os sábados da tempada estival. Durante os percorridos, de aproximadamente 10 km cada un, un grupo de especialistas realizará unha interpretación do medio salientando os valores naturais, etnográficos e paisaxísticos cos que se terá contacto. Estes monitores porán a disposición dos camiñantes o material didáctico e de indentificación necesario para o coñecemento dos distintos elementos naturais.

A saída das visitas será tódolos sábados ás 9:30 da mañá da praza das Travesas, onde se collerá un bus urbano de liña regular que levará os participantes ó punto de comezo da ruta. O regreso, estimado ás 15:00 da tarde, terá tamén como parada final a praza das Travesas, seguindo as liñas de Vitrasa.

Na vindeira saída, do sábado 29 de xuño, realizarase o treito que discorre dende a Lagoa Mol, en Peinador, ata a Madroa. Nela comezarase cunha visita á lagoa situada na cabeceira do río Lagares e ó bosque de ribeira a ela asociada, onde se terá a oportunidade de observar aves acuáticas, como as pitas de auga, alavancos e as distintas plantas adaptadas a vivir nas masas de auga, caso das espadainas e aras. No bosque de ribeira, composto principalmente de salgueiros e amieiros, analizaranse as características desta singular formación arbórea, cada vez máis escasa na Península Ibérica.

Outro humidal que tamén se visitará durante esta primeira visita son as Brañas do Chan de Hermide, nó Parque Forestal do Vixiador. Neste medio se observarán distintas especies de plantas entre as que destaca a presencia de narcisos endémicos galegos.

Durante o percorrido se analizarán os distintos tipos de usos do solo e as árbores asociados a eles como: o uso forestal, onde predominan os piñeiros, eucaliptos e algunhas frondosas como os carballos americanos: o uso agrícola, onde están presentes distintas árbores froiteiras: e as áreas recreativas, nas que se observará un bo número de árbores ornamentais. Nas manchas de vexetación autóctona, onde a árbore predominante é o carballo, se interpretarán os distintos estratos que compoñen este ecosistema.

Analizaranse tamén os elementos etnográficos, como canastros, tipos de peches, extracción artesanal de arxilas, coidados do monte e os elementos do patrimonio histórico e prehistóricos como as mámoas da Madroa.

Este programa está desenvolvido por Ecoplanin, unha empresa adicada ó medio ambiente que ten realizado, dende 1997, traballos de información e xestión ambiental para entidades privadas e públicas.