Escoitar

Discurso do alcalde no acto de celebración do Día de Portugal

luns, 10 xuñ 2002

Portugal celebra hoxe a súa festa nacional lembrando as súas comunidades no exterior e a figura senlleira das súas letras, Luis de Camoes. En Vigo tamén é esta tradicionalmente unha xornada de celebración para a ampla comunidade lusa que reside entre nós.

A historia acabou poñendo as cousas no seu sitio e hoxe temos xa esquecida unha separación política artificial que durante séculos ignorou que Galicia e Portugal eran un mesmo espacio cultural, económico e social.

Hoxe as nosas comunidades óllanse de novo de fronte e comparten o camiño do progreso avanzando da man en numerosos proxectos de colaboración. A vella fronteira deixou de ser barreira para se converter en punto de encontro. Milleiros de persoas a cruzan a diario para traballar, comerciar, facer turismo ou visitar amigos ou familiares.

Ese constante intercambio aínda se incrementará máis no futuro e por iso cómpre que nos preparemos. O enlace ferroviario de alta velocidade entre Vigo e Porto pode e debe ser un elemento que contribúa ao desenvolvemento económico dos dous grandes polos demográficos e industriais da eurorrexión, que facilite o comercio e o turismo, que nos sitúe ao nivel de calquera outras grandes cidades europeas, que en definitiva satisfaga unha demanda dos cidadáns dun e doutro país.

O Concello de Vigo distinguiu este ano coa medalla da cidade ao Centro Portugués recoñecendo así o seu labor a prol da integración dos cidadáns lusos entre nós e subliñando os moitos lazos que unen a nosa cidade co país veciño. O acto que hoxe desenvolvemos é outra manifestación pública da boa convivencia que existe entre as nosas comunidades.

Vigo foi sempre cidade de acollida para moitos portugueses. Vaino seguir sendo porque a fronteira, que durante moito tempo foi semente de receos e desconfianzas, continuará diluíndose no futuro ata desaparecer borrada por unha realidade social que imporá a lóxica do reencontro entre povos irmáns.

Todo isto lévanos a considerar a Festa de Portugal como unha festa propia, e aos portugueses que aquí residen como uns vigueses máis. O Día de Portugal é tamén día de festa para nós.