Escoitar

Declaración institucional dos alcaldes de Vigo, Pontevedra e Ferrol en defensa da pesca galega

venres, 7 xuñ 2002

A Comisión Europea, a través do comisario Fischler, vén de facer pública a súa intención de desmantelar boa parte da frota pesqueira galega, a efectivizar a partires do 1 de xaneiro de 2003.

Os asinantes da presente declaración, alcaldes de tres cidades marítimas galegas, cabeceiras de comarcas nas que a pesca constitúe un soporte básico da economía, non podemos permanecer indiferentes ante esta situación. Galiza é o primeiro país pesqueiro de Europa e a zona máis altamente dependente da pesca en termos económicos, sociais e de emprego. A mellora do benestar social e das condicións de vida dos cidadáns, tarefas nas que como alcaldes estamos comprometidos, esixen de todos os responsables institucionais, tamén de nós, o compromiso na defensa da economía productiva e do futuro dun sector estratéxico para o noso país. Por iso coidamos que é fundamental que o conxunto da sociedade galega reaccione en defensa dunha actividade que, como a pesca, é motor da súa economía.

Polo devandito, acordamos:

1. Esixir a retirada do proxecto de reforma da ”Política Común Pesqueira” presentado polo comisario Fischler e rexeitar calquera negociación que poida conlevar a aceptación dunha nova reducción da capacidade extractiva da frota galega.

2. Urxir da Xunta de Galiza e do Goberno español unha actitude firme en defensa do sector pesqueiro galego. Esiximos por parte da presidencia española da Unión Europea que se procuren as alianzas internacionais precisas para forzar a retirada do plano.

3. Demandar a presencia de Galiza nos órganos europeos de decisión en materia de política pesqueira.

4. Reivindicar unha nova Política de Pesca baseada nas seguintes liñas:

-Igualdade de acceso aos caladoiros, sen discriminación para a frota galega.

-Política de sostemento da actividade extractiva. Ordenación da mesma apoiada en informes científicos de independencia e solvencia técnica contrastada.

-Derogación do principio de estabilidade relativa.

-Defensa dos acordos pesqueiros con terceiros estados e organizacións rexionais de pesca.

-Mantemento das axudas estructurais para a renovación da frota, equipamentos portuarios, instalacións pesqueiras...

-Declarar oficialmente a Galiza como zona altamente dependente da pesca.

-Introducir unha directriz social para humanizar e degnificar as condicións de traballo e seguridade no mar.

5. Impulsar medidas e accións sociais para articular a unión dos distintos axentes sociais en defensa do sector pesqueiro galego.