Escoitar

O luns abre o prazo para inscribirse nos campamentos de verán da Concellería de Xuventude

venres, 7 xuñ 2002
imx1522.jpg
A Concellería de Xuventude organiza cinco campamentos de verán nos que participarán 700 rapaces de 7 a 14 anos de idade. O concelleiro Santiago Domínguez destacou a diversidade da oferta que contempla campamentos urbanos, recreativos, deportivos e específicos relacionados co mar. O luns 10 de xuño ábrense os prazos de inscrición.

Estas campamentos conxugan a realización de actividades con visitas a lugares de interese coa posibilidade de disfrutar do verán na propia cidade. Algúns deles teñen carácter gratuíto e outros dispoñen dunha reducción de prezo debido á subvención da Concellería de Xuventude.

O campamento de Muíños está destinado a 40 rapaces de 8 a 13 anos. Os participantes coñecerán o parque natural da Baixa Limia na Serra do Xurés e durmirán nun albergue situado preto dunha praia fluvial, nun parque forestal que dispón de pistas polideportivas. Desenvolverán actividades de piragüísmo, bicicleta de montaña, sendeirismo, pesca con cana e obradoiros. As datas de celebración son do 20 ó 28 de xullo e o prezo é de 150 euros.

Acampalingua está organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística e desenvolverase no Centro de Desenvolvemento Rural do Viso (Lodoselo-A Limia). Os destinatarios son 20 rapaces de 8 a 14 anos e as datas de celebración son do 14 ó 23 de xullo. O prezo é de 150 euros. Realizarán actividades de educación ambiental, roteiros, obradoiros, xogos, olimpiadas, procura de tesouros naturais, visita á pequena industria de Lodoselo, veladas nocturnas, administración do campamento... todo en galego.

O campamento urbano ”A máquina do tempo” do pavillón das Travesas celebrarase do 29 de xullo ó 9 de agosto. Poderán participar 400 rapaces de 8 a 14 anos e ten carácter gratuíto. Os horarios son de mañá e tarde, co durmir e xantar na casa, agás os tres días de excursión. Polas mañáns realizaranse aventuras recreando diferentes civilizacións da historia. Polas tardes, haberá unha libre elección entre obradoiros, música, paseo e merenda por Vigo, deportes, ludoteca, cine... Está organizado polas Asociacións Xuvenís Abertal e Xentenova.

O campamento de tempo libre na beiramar está destinado a rapaces de 7 a 12 anos de idade. As datas son do 1 ó 9 e do 19 ó 27 de agosto, con 30 prazas por turno en horario 10:00 a 18:00. O prezo é de 48 euros. As actividades desenvolveranse en Bouzas e consistirán en piragüísmo, remo, bicicletas, baño e xantar na praia, pesca con cana, cultura marítima, xogos, obradoiros, visitas a barcos e conserveiras...

O campamento urbano de Teis está destinado a rapaces de 8 a 11 anos (de 3º a 5º de primaria), preferentemente de Teis, e establece dúas quendas, do 1 ó 5 de xullo e do 8 ó 12 de xullo, con 60 prazas cada semana. Os horarios son de 9:00 a 20:00, con xantar e merenda no centro. Ten carácter gratuíto. Desenvolveranse actividades de educación ambiental, visitas, animación, convivencia, relación social... As inscricións poden realizarse no Plan Comunitario de Teis (rúa Coutadas, 58. Teléfono 986-281670)

Xuventude subvenciona estes campamentos con 21.084 euros (3.500.000 pesetas). Os participantes acudirán por rigorosa orde de inscrición e poderán anotarse na Casa da Xuventude, agás no campamento de Teis.
Descargar todas as imaxes