Escoitar

Caballero apunta que 250 persoas traballarán en Samil na seguridade do "mellor Festival Aéreo de España"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu este mércores a Xunta de Seguridade convocada pola celebración do Festival Aéreo Internacional de Vigo 2011, que terá lugar en Samil o próximo 24 de xullo ás 11 horas. Unhas 250 persoas, entre efectivos de Policía Local, Policía Nacional, bombeiros, Garda Civil, socorristas e membros de Protección Civil, velarán pola seguridade durante o desenvolvemento do evento.

mércores, 13 xul 2011
1310561989fav.jpg
O rexedor, que reuniu na mañá deste mércores á Xunta Local de Seguridade para abordar os detalles do despregamento do domingo, sinalou que, a pesar da crise, Vigo seguirá tendo "o mellor festival aéreo de España", mentres outras cidades suprimírono.

O alcalde, que espera que este ano se bata a marca alcanzada o 2010 "con 400.000 persoas", explicou que ese día establecerase un perímetro de seguridade de 300 metros ao redor da praia. Así mesmo, poranse balizas para evitar riscos para os bañistas e para as persoas que estean no areal.

O dispositivo de seguridade estará integrado por 150 axentes de Policía Local e Nacional, varios grupos de mergulladores na auga, así como sete embarcacións de Protección Civil, Gardacostas, Garda Civil, bombeiros e Cruz Vermella. Tamén haberá dotacións de bombeiros en terra, dúas ambulancias na praia e outra máis no porto de Mariña Davila Sport e reforzos de socorristas e Protección Civil.

Por outra banda, unha ano máis volverá pecharse ao tráfico a Avenida de Europa, e a concesionaria de transporte público, Vitrasa, porá en marcha un servizo lanzadeira, con autobuses cada dous minutos desde a Praza de América, e frecuencias de 5 a 15 minutos desde outros puntos da cidade. Nese sentido, Abel Caballero recomendou aos cidadáns que utilicen o transporte público para acceder a Samil, xa que as liñas estarán operativas desde as 8.00 horas da mañá.
Descargar todas as imaxes