Escoitar

Abel Caballero confía en levar ao Pleno de xullo o expediente que permita iniciar as obras de construcción do albergue municipal

O antigo edificio da Escola de Hostelería, onde irá ubicado o Centro de Inclusión Social, presenta unha calificación incompatible co uso para albergue, e o alcalde anunciou que o expediente administrativo de desafección do terreo está preparado e agarda que poida levarse ao próximo Pleno da Corporación, este mes de xullo. Caballero datou para inverno o funcionamento da instalación do Berbés.

martes, 12 xul 2011
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este martes que confia en que o Pleno da Corporación deste mes poida dar luz verde ao expediente que permita legalmente ubicar o albergue municipal no antigo edificio da Escola de Hostelería, no Berbés.

Abel Caballero recordou que a calificación actual do edificio non é compatible co Centro de Inclusión Social, polo que é preciso que o Pleno valide a desafección do terreo "para que poida legalmente ser dedicado a albergue", precisou, e permita iniciar os traballos de adaptación no inmoble. "Confío en que estea todo preparado", afirmou o alcalde, referíndose á sesión plenaria deste mes de xullo.

O rexedor vigués afirmou que "o antes posible" estarán en marcha as obras de adaptación do edificio para o seu novo uso, ao estar xa asinado o convenio con Emaús para a xestión e ter consignados recursos orzamentarios. "O próximo inverno debería estar operativo", informou Caballero sobre a posta en marcha do Centro.