Escoitar

Xabier Alonso di que estamos diante dungha gran xeración de xogadores xuvenís do Seis do Nadal e do Octavio

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, recibiu hoxe aos equipos xuvenís masculinos de balonmán do Seis do Nadal-Coia, o Hermo A. Fincas, e da Sociedade Deportiva Octavio, pola súa destacada traxectoria esta tempada, no transcurso dunha recepción que fixo aos dous equipos no Concello.

mércores, 18 mai 2011
1305732788Balonman.JPG
O Seis do Nadal logrou meterse por vez primeira na Final a Catro do Campionato de España ao vencer a Cidade Real e Granollers en Coia, mentres que o Octavio quedou fóra desa fase na última xornada da súa liguiña, en Elxe. 

Xabier Alonso entregou un libro sobre Vigo a cada equipo, facendo fincapé en que este obsequio do Concello "dedícase a quen conseguiu importantes éxitos deportivos representando á cidade". Para el, que o Octavio estea entre os oito mellores de España "xa é un logro aínda que non poida acceder á derradeira fase". Como subcampión galego, o equipo que prepara Roi Sánchez gañou un intersector e meteuse na liguiña semifinal. O concelleiro nacionalista tamén felicitou ao Hermo A. Fincas, indicando que "pase o que pase agora xa é un éxito o que conseguistes", dixo.

O Hermo A. Fincas, equipo campión galego adestrado por Jorge Fernández, xogará o 28 e 29 deste mes en Elxe contra o club anfitrión e o FC Barcelona e chega cunha vitoria acumulada ante o Granollers (33-31). Despois de gañar o título autonómico pasou dúas fases de intersector en Coia.

Xabier Alonso manifestou que estes resultados "confirman que se está a facer un gran traballo de base" e espera que "nun futuro próximo o primeiro equipo de balonmán da cidade está nutrido maioritariamente destas xeracións". 

Tanto Javier Rodríguez, presidente do Octavio, como Antón Piñeiro, primeiro dirixente do Seis do Nadal, afirmaron que "Vigo ten unha xeración boísima de xuvenís". De feito, xa hai algúns que xogaron co Octavio na División de Honra Prata esta tempada.
Descargar todas as imaxes

Máis información