Escoitar

O Vao presenta a mellor calidade das augas entre as praias de Vigo

venres, 14 xuñ 2002
O Vao, praia que acaba de recibir a bandeira azul pola mellora das súas instalacións, está entre as que presenta en Vigo unha mellor calidade de auga para o baño. Así o indican as últimas análises realizadas polo laboratorio municipal, que certifican ademáis que todas as zonas de baño dos areais de Vigo están en óptimas condicións.

As análises realizadas polo laboratorio municipal o pasado día 10 demostran que todas as praias de Vigo reúnen boas condicións para o baño, pero entre as que máis destacan pola calidade das súas augas están o Vao, a Mourisca, o Tombo do Gato, o Cocho das Dornas, a Fontaíña e as praias de Saiáns. Os resultados das análises volven demostrar que a auga na embocadura do Lagares tamén é apta para o baño.

O día en que se tomaron as mostras a temperatura da auga oscilaba entre os 20 graos de Canido, os 18 de Samil e os 15 das praias de Teis.