Escoitar

O pleno aproba por unanimidade a resolución do CES que rexeita a proposta de reforma da política común de pesca

venres, 14 xuñ 2002

Resolución aprobada polo Consello Económico e Social de Vigo sobre a reforma da política común de pesca

O Consello Económico e Social de Vigo na súa reunión de 3 de xullo de 2002, aprobou a seguinte resolución:

A reforma da PCP proposta pola Comisión, apóiase na recuperación dos recursos pesqueiros, a costa da destrucción de empresas e empregos.

Cando hoxe en día existe unha corrente de opinión científica a nivel mundial que considera que os recursos pesqueiros se poden manter nun estado de explotación aceptable sen ter que recorrer a medidas radicais e irreversibles como son a destrucción de empresas e de postos de traballo, senon a través de medidas transitorias como as paradas biolóxicas, vedas, etc., non se pode aceptar que a Comisión elixa a vía máis drástica para recuperar os stocks: a destrucción da flota.

Para Galicia e particularmente para Vigo, esta proposta de reforma pon en grave perigo a supervivencia do sector, polas seguintes razóns:

1. Ao ser unha das flotas máis importantes e unha das que máis se reduciu (en torno ao 40%) nos últimos 10 anos, vai ser a más prexudicada, xa que a Comisión fai “taboa rasa” e non “premia” aos Estados que, como o noso, cumpriron cos Programas de reducción de flota, nin “penaliza” aos que, en troques de reducir, aumentaron a súa tonelaxe e capacidade nestes anos.

2. Mantén inalterables as escasas posibilidades de pesca que ten España nas augas comunitarias (un 6% para unha flota que representa preto do 30% do total comunitario), malia que o artículo 166 do Tratado de Adhesión de España e Portugal, establece claramente que as condicións de acceso e o reparto porcentual das cotas coas que entrou España rematan o 31 de decembro de 2002. A Comisión mantén o Principio de Estabilidade Relativa e non plantea unha revisión de cales son, hoxe en día, as rexións altamente dependentes da pesca, que é a base deste principio.

3. Fomenta o despece mediante unha sobreprima ao mesmo e elimina as axudas para a renovación da flota, a dous anos escasos de seren aprobadas no Regulamento base do Fondo de Orientación Pesqueira (IFOP), previsto para un periodo de 7 anos (2000-2006) e que ten como principal obxectivo o da cohesión económica e social entre as rexións da U.E.

4. Tamén suprime as axudas á exportación de barcos e á constitución de sociedades mixtas: Esta vía foi moi utilizada por Galicia, en concreto pola flota conxeladora de Vigo que, en vez de ir ao despece pola falta de Acordos de Pesca, soubo reorientar a súa actividade e contribuiu decisivamente ao desenvolvemento de zonas e rexións desfavorecidas en todo o mundo (Namibia, Arxentina, Illas Malvinas: etc.), mantendo ao mesmo tempo os lazos coa UE e con Galicia.

Estas axudas tamén están programadas para o periodo 2000-2006, no IFOP.

5. Ábrese unha porta á renacionalización das augas comunitarias, ao permitir que un Estado miembro, alegando medidas de urxencia, tome decisións de xestión das pesquerías nas súas augas xurisdiccionais, durante un periodo de tres meses.

Todas estas razóns nos levan a:

Primeiro.- Rexeitar as propostas de reforma presentadas pola Comisión, ao non ser equilibradas entre os Estados membros afectados e producir unha fenda entre o Norte e o Sur. Non pode aceptarse que a Comisión teña en conta a opinión daqueles estados que erguen a bandeira do euroescepticismo e, en cambio, ignore a opinión dos que queremos que a flota comunitaria teña unha soa bandeira.

Segundo.- Remitir o presente acordo aos Concellos de Galicia e a todas as institucións que poidan considerarse interesadas ou con competencias na materia, tanto da nosa Comunidade Autónoma, como da Administración do Estado, como da Unión Europea, como das Administracións Públicas dos Estados membros da Unión.

Terceiro.- Instar a necesaria presencia do CES de Vigo na Mesa de Negociación e no Grupo de Traballo que, referente á decisión do Sr. Comisario Europeo, se constitúan na Administración do Estado e no Parlamento Autonómico de Galicia.

Cuarto.- Trasladar a preocupación polos negativos efectos da posible reforma ás propias Institucións europeas, concertando para tal fin encontros e reunións con representantes políticos da Unión.

Quinto.- Realizar unha chamada aos cidadáns co obxecto de pedir a súa participación nas mobilizacións que, no seu caso, se estimen necesarias para a defensa dun sector, o pesqueiro, que en Galicia, e máis concretamente en Vigo e na súa área de influencia, constitúe unha básica e esencial fonte de riqueza, traballo, progreso e estabilidade.