Escoitar
O concerto, gratuíto, será as 20.30 horas no auditorio do Conservatorio de Música de Vigo

”Historia dun soldado” de Stravinsky clausura o ciclo Xeración 2000+2

xoves, 13 xuñ 2002
O ciclo “Xeración 2000+2”, para novos intérpretes, clausúrase o venres cun concerto no que o grupo “Ensemble siglo XXI” porá en escena a “Historia dun soldado”, da man do que exerce como o seu director e alma mater: Javier Viceiro. O ciclo de música está organizado pola concellería de Cultura.

“Ensemble siglo XXI” é un conxunto formado baixo a supervisión deste pontevedrés, que conta no seu haber cun incomparable currículo, tanto nacional como internacional.

Viceiro iniciou os seus estudios no Conservatorio Superior de Música de Vigo e continuounos no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, onde se licenciou na especialidade de trompeta. A súa traxectoria profesional iniciouse no ano 1991, no que obtivo a praza de suboficial músico das Forzas Armadas, para ingresar, posteriormente en 1996, no Corpo de Profesores de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia. Actualmente é profesor de trompeta no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Entre os seus traballos non docentes está a súa pertenza ó grupo de metais “Santa Cecilia” e as gravacións que realizou Televisión de Galicia e para radio Clásica. Ademais, colaborou coa Orquestra Sinfónica de RTVE, Orquestra Sinfónica de Galicia, Real Filharmónica de Galicia e Nova Orquestra de Galicia. A obra que porá en escena neste concerto foi presentada por Javier Viceiro por toda Galicia e gravouna para a televisión autonómica.

Viceiro iniciou, no ano 1997, os seus estudios de dirección de orquestra, ó tempo que ocupaba o posto de director da Banda Municipal de Silleda. Dende o ano 1999 é director da Banda-Escola de Música de Evade, coa que gañou varios premios e realizou gravacións discográficas. No ano 2000 iniciou o “Corso Superiore di Direzione di Banda” na localidade italiana de Trento, e na actualidade cursa a licenciatura de Dirección de Orquestra en Holanda, ó tempo que amplía a súa formación asistindo a clases e master con prestixiosos mestres europeos. En 2001 colaborou como director invitado coa Orquestra Clásica de Vigo e, nestes intres, dirixe a Orquestra Junior da Escola Profesional de Música de Viana do Castelo.
O grupo “Ensemble siglo XXI” que dirixe Javier

Viceiro está formado por:
Leonardo Blanco (violín)
Juan Carlos Villar (contrabaixo)
Asterio Leiva (clarinete)
Oscar Araujo (fagot)
Esteban Batallán (trompeta)
Feliciano Morales (trombón)
Marcos Vázquez (percusión)

PROGRAMA

A HISTORIA DUN SOLDADO
Música: Igor Stravinsky
Texto: Ferdinand Ramuz