Escoitar

Piano en estado puro: protagoniza o concerto de Xeración 2000+2

venres, 31 mai 2002
O concerto do ciclo de novos intérpretes que organiza a Concellería de Cultura en colaboración coa Fundación Caixa Galicia do que é protagonista Emilio González Sanz enmárcase dentro do que se considera o estilo máis puro da interpretación ó piano. Pezas de compositores clásicos para un recital a cargo dun intérprete que xa deixou sobradas mostras do seu bo facer en cantas formacións interveu ou nos seus traballos como solista.

O concerto terá lugar o sábado, día 1 de xuño, ás 20 horas no auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo, con entrada gratuita.

O soriano Emilio González iniciou a súa formación musical no Conservatorio Provincial de Música de Guadalaxara, para conseguir, posteriormente os estudios superiores de piano no Conservatorio Superior de Música de Madrid, con premio especial de fin de carreira. Despois de traballar co profesor Yerokhin ingresou na Escuela Superior de Música Reina Sofía de Madrid. Actualmente amplía a súa formación na Aula de Música da Universidad de Alcalá de Henares.

González Sanz, pese á súa xuventude, recibiu xa o recoñecemento en numerosos concursos nacionais e internacionais, como o de piano de Ricard Viñes ou o José Iturbi. Actuou como solista coas orquestras Ciudad de Málaga e Sinfónica de Castilla y León. Obtivo un clamoroso éxito coa interpretación de pezas de Brahms coa Orquesta Sinfónica del Vallés. Actuou en salas do prestixio da Real Academia de Bellas Artes San Fernando de Madrid, do Palau de la Música de Barcelona ou la Salle Cortot de París.
Un concerto cun excepcional nivel de interpretación o que poderá contempla-lo público amante do piano e dos compositores clásicos.

PROGRAMA

PRIMEIRA PARTE

J. HAYDN
Sonata en do menor nº33. Hob XVI/20
- Moderato
- Andante con moto
- Finale. Alegro

C. FRANCK
Preludio, coral, fuga

SEGUNDA PARTE

C. DEBUSSY
“Images” (I libro)

“Reflets dans l’eau”
“Hommage à Rameau”
“Mouvement”

M. DE FALLA
Fantasía Bética