Escoitar

As Brigadas Verdes e o teatro de rúa volverán na noite do sábado ó Castro

venres, 31 mai 2002
A concellería de Xuventude agarda que o Castro volva amencer limpo o segundo sábado de actividades de animación e espectáculo dirixidos ós mozos e ás mozas da cidade e se o tempo o permite. Na primeira fase de actuación os novos contedores foron utilizados masivamente polos mozos. As Brigadas Verdes e o teatro de rúa volverán enche-la noite no monte. O parque do Castro vivirá unha nova noite de intrigas e sobre todo un ambiente máis limpo.

A experiencia da primeira actuación, realizada o pasado 18 de maio, resultou moi positiva, xa que os contedores foron utilizados masivamente e a maior parte dos refugallos quedaron dentro deles e non esparexidos polo monte. As persoas que acoden ás sesións de Tai-chi o domingo pola mañá foron quen máis notaron as consecuencias da acción da Concellería de Xuventude.

Este sábado repetirase a historia, pero con outro espectáculo e novas sorpresas, só se a climatoloxía se mostra favorable. Estarán presentes as Brigadas Verdes, as encargadas de persuadir ós usuarios do monte de que utilicen os contedores, que locen a lenda “Tira aquí o teu amor polo Castro”.

Dependendo do tempo que haxa na noite do sábado, a afluencia de mozos será maior ou menor, e o “enganche” do espectáculo tamén variará en función da climatoloxía. A afluencia de mozos na pasada actuación foi considerable, arredor dun milleiro de rapaces. Disfrutaron a cachón coas ocorrencias dos actores que animaron a noite vestidos de médicos e procurando presuntos “enfermos” fugados polo Castro.

Ademais do espectáculo de rúa, o programa arredor do espacio “Súbete ó Castro” consiste na actuación de dous grupos musicais: Trémolo e Controversia. Estas dúas formacións ensaian no local da Casa da Xuventude e están pisando forte contando cunha gran proxección futura.