Escoitar

Entrega de diplomas do programa ”Aprender a convivir”

mércores, 29 mai 2002
A Concellería de Educación e Muller celebra un acto de entrega de diplomas ao alumnado participante no curso ”Formación de Mediadores en resolución de conflictos escolares”, dentro das actividades desenvolvidas no marco do Programa Educativo Municipal ”Aprender a convivir”. Trala entrega de diplomas, representarase a obra ”Pic-nic”, de Fernando Arrabal, que amosa un alegato do pacifismo, a cargo do grupo teatral do IES Teis.

O Programa ”Aprender a convivir”, da Concellería de Educación e Muller, ten como clave fundamental a redefinición da nosa relación cos conflictos e a crítica da violencia como forma de resolvelos. Pártese da idea de que onde existe vida existe conflicto e este non ten que ser necesariamente negativo.

Na maior parte das ocasións, a valoración positiva ou negativa dependerá fundamentalmente da forma de encarar os conflictos e non tanto da súa existencia. Desde estas consideracións, o programa educativo pretende ofertar ao conxunto da cidadanía e moi particularmente á comunidade dos centros educativos unha serie de propostas e recursos para construír unha convivencia máis sa e respectuosa entre todos, que sexa democrática, solidaria e sen ningún tipo de discriminacións e violencias. Entre estes recursos que se ofertan, destaca a formación dunha rede de mediadores para a resolución dos conflictos entre os propios estudiantes.

Ata o momento, esta iniativa se está a levar a cabo en tres institutos de educación secundaria da cidade: o IES de Teis, o IES de Beade e o IES Politécnico n° I: habendo xa un total de 43 alumnos e alumnas formados como mediadores. É importante subliñar que os servicios de mediación están xa en funcionamento e os resultados son altamente satisfactorios, poñéndose de relevo que a mediación como forma de resolución de conflictos está posibilitando, ademais da resolución pacífica dos mesmos, unha mellora da convivencia nos centros educativos e unha mellora tamén da autoestima e confianza en si mesmos dos rapaces e rapazas que desenvolven esta función.



APRENDER A CONVIVIR