Escoitar

O Concello e PSA Peugeot Citroën asinan un convenio de inserción socio-laboral

luns, 16 abr 2001
imx121.jpg
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, e o director do Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën, Javier Riera, asinaron un convenio de colaboración que permitirá a contratación de 20 persoas procedentes de colectivos desfavorecidos. Esta iniciativa enmárcase no Proxecto Rede destinado á realización de accións de inserción socio-laboral.

Segundo o convenio suscrito, a Concellería de Benestar Social preseleccionará os traballadores previa demanda do Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën, que se ocupará de impartirlles ós seleccionados a formación precisa para o traballo que vaian desenvolver. Tódolos traballadores terán unhas condicións laborais e salariais idénticas ás dos demais empregados da factoría.

Esta iniciativa súmase á dos distintos programas de integración socio-laboral, tanto do ámbito local como autonómico, nos que participa activamente o Centro de Vigo de Peugeot Citroën, gracias ós cales case 200 persoas tiveron acceso a un posto de traballo na planta, cun alto nivel de integración, que se sitúa por enriba do 80%.

Fases do Proxecto Rede

A culminación do programa de integración laboral inclúe diversas fases interrelacionadas e que actúan tanto para as persoas como para as empresas. As persoas escollidas sométense a unha análise individualizada sobre as súas necesidades específicas de integración e valórase o perfil profesional para establecer os criterios formativos que precisen.

Con posterioridade, o participante comeza un completo curso totalmente adecuado ás esixencias laborais da empresa e se lle asesora nos procesos de busca de emprego. Durante o periodo que desenvolva unha actividade laboral terá un seguimento en colaboración coa empresa.

A Concellería de Benestar Social ten entre as súas prioridades a implicación do tecido social da cidade como institucións, empresarios e asociacións nun achegamento ós colectivos en situación de desvantaxe social para o favorecemento da súa integración como beneficiarios de prestacións públicas, parados de longa duración, emigrantes retornados e inmigrantes.
Descargar todas as imaxes