Escoitar

O Goberno municipal executará os avais que depositou ”R” no Concello se non repara o pavimento nas súas obras de canalización

luns, 16 abr 2001
A Comisión de Goberno do Concello de Vigo acordou requirir á empresa “R Cable y Telecomunicaciones Galicia S.A.” para que no prazo improrrogable de 10 días realice as obras de reparación do pavimento das beirarrúas e calzadas deterioradas polas súas obras de canalización.

No acordo advírtese de que, no caso de que non se executen esas obras no prazo indicado, os traballos serán realizados polo Concello. De chegarse a ese punto, se procedería á execución dos avais que “R” presentou na Tesourería municipal por importe de 21.000.000 pesetas. O resto, ata cubrir o presuposto da contrata, cobraríase polo procedemento de apremio.

Os técnicos do Concello calcularon en 32 millóns de pesetas a cantidade necesaria para arranxar os desperfectos causados polas obras de canalización de “R” en diversas rúas da cidade (Policarpo Sanz, García Barbón, Sanjurjo Badía, Areal, Vía Norte…)

O Goberno municipal anunciou a súa intención de non conceder máis licencias para executar obras de canalización de servicios na cidade ata que se aprobe unha ordenanza que regule esta actividade.


Aprobado o rexime de disponibilidade horaria da Policía local

A Comisión de Goberno aprobou a proposta do concelleiro de Persoal sobre o rexime de disponibilidade horaria que se lle aplicará á Policía local durante o ano 2001. Os axentes que se adscriban voluntariamente a este sistema farán ata 10 xornadas a maiores sobre as que lles corresponden, recibindo por iso unha compensación económica variable dependendo da súa categoría. Cada xornada traballada a maiores será compensada con 13.375 pesetas aos suboficiais e sarxentos e con 10.187 pesetas aos gardas.

Este rexime aplicarase en tanto non se incorporen ao servicio os novos policías que serán contratados a través da Oferta Pública de Emprego deste ano.

Sentencias comunicadas ao Concello

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia notifícalle ao Concello que declara caducado o recurso contencioso administrativo presentado pola Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao contra o acordo adoptado polo Concello en decembro de 1998 sobre a imposición de taxas polo subministro de auga potable e saneamento. O Tribunal arquiva as actuacións ao decorrer o prazo legal sen que se presentase o pertinente escrito de demanda.

O Tribunal Supremo notificoulle ao Concello que non admitiu o recurso de casación interposto por Manuel Alvite Sanmartín contra unha sentencia do TSXG na que rexeitaba un recurso presentado por el mesmo contra unha resolución adoptada en 1993 pola Alcaldía de Vigo. O recorrente pedíralle ao Concello a suspensión da licencia concedida pola Comisión de Goberno a “Proneiras S.L.” en maio de 1991. A Alcaldía non accedera a esa petición, polo que Manuel Alvite presentou un recurso ante o TSXG que non foi admitido. Agora o Supremo ratifica aquela decisión.