Escoitar

Responsables de Tráfico de varios concellos estudiará en Vigo o funcionamento do SAE

mércores, 11 abr 2001
Responsables de tráfico de varios municipios españois visitarán Vigo nos próximos días para comprobar o funcionamento do Sistema de Axuda á Explotación (SAE) do transporte urbano posto en marcha polo Concello de Vigo. Cidades como Xixón ou Sevilla están interesadas en dotar o seu servicio de autobuses urbanos coa tecnoloxía coa que xa conta Vigo.

O SAE é un servicio que permite controlar en tempo real a circulación dos autobuses urbanos. Por medio de sistemas GPS e de comunicacións por radio pódense coñecer as incidencias que afectan ao servicio, aproveitar mellor os recursos e informar aos usuarios. Todo iso repercute nunha mellor calidade do transporte urbano e na mellora da explotación da rede.

A vantaxe do SAE que máis facilmente perciben os usuarios dos autobuses urbanos de Vigo é a información que se ofrece nas pantallas instaladas nas paradas. Nesas pantallas poden coñecer cáles son os autobuses que se aproximan á parada e cánto tempo tardarán en chegar. Actualmente en Vigo están instalados estes paneis informativos en 15 puntos da cidade, os lugares polos que pasan máis liñas de autobuses.

O Goberno municipal traballa na implantación, este ano, doutras melloras do transporte público como a reordenación de liñas de autobuses e a implantación do billete de transferencia. Antes do verán xeralizarase a utilización de tarxetas magnéticas como medio de pagamento do autobús urbano.