Escoitar

Santi Domínguez destaca o fin solidario de Vigolandia, que se celebrará no Ifevi do 26 ao 30 de decembro

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou hoxe a nova edición de Vigolandia, que se desenvolverá no Ifevi do 26 ao 30 de decembro. O nacionalista salientou que esta iniciativa, unha das máis agardadas polos máis cativos da casa, non só ten como finalidade ofrecer un espazo de lecer e entretemento para toda a familia, senón que ten tamén un fin social moi importante xa que a recadación destinarase a entidades sociais da cidade.

mércores, 22 dec 2010
1293025767Vigolandia.JPG
Santi Domínguez explicou que o ano pasado o obxectivo é superar este ano os 21.000 visitantes que tivo a edición do ano pasado. Indicou que "é a perla" da programación de Nadal que organizan Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural. Nos 20.000 metros cadrados de Vigolancia haberá, segundo dixo, unha gran variedade de actividades, desde inchables e obradoiros, ata zonas deportivas, parques de educación viaria ou teatro.

Poder gozar das actividades de Vigolandia terá un prezo de 2 euros para os menores de 14 anos e de 3 euros para os maiores. O tenente de alcalde incidiu no aspecto solidario deste parque de Nadal, xa que toda a recadación irá destinada a unha ou varias entidades ou colectivos que traballan a prol das persoas máis desfavorecidas.

O tenente de alcalde quixo tamén agradecer a colaboración de todas as entidades e empresas colaboradoras que participan en Vigolandia. "Este gran evento de divertimento e ese obxectivo solidario que ten non sería posible sen a súa axuda e aportacións", salientou. Precisamente Jorge Santos, representante de Novacaixagalicia, en nome de todos os patrocinadores fixo un chamamento a todas as familias para que acudan a Vigolandia "porque neste caso a diversión ten premio, o premio da solidariedade".

O concelleiro de Cultura, Xesus López, explicou que Vigolandia desenvolverase en paralelo con outras actividades do programa de Nadal, indicindo en que as actividades que se programan teñen como finalidade o lecer, pero sempre "desde o camiño da formación e por tramos de idade". Entre outras actividades, salientou "O bosque dos vigolandios", os obradoiros "Carbonilla" e "Nadalteca" ou "Hip-hop school".

Nese campo da formación é xa tamén unha referencia en Vigolandia o parque de educación viaria da Policial Local. O concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Xulio Calviño, explicou que "xogando tamén é posible facer educación viaria". Sinalou que haberá tres pistas, unha de triciclos para idades de entre 3 e 5 anos, outra de bicis para os maiores de 5 anos e outra de karts para os maiores .

Programa Nadal
Por outra parte, desde mañá os nenos e nenas de Vigo poderán facer os seus encargos ao Carteiro Real virtual instalado no Auditorio Municipal. Nesta primeira xornada o horario será de 17 a 20 horas, o venres de 11 a 13 horas e xa a partir do domingo recollerá as peticións en horario de mañá e tarde.

Xunto ao Carteiro Real virtual, inícianse tamén mañá os obradoiros e contacontos infantís na lonxa do Concello. Os obradoiros desenvolveránse en horario de 17 a 19 horas, mentras que os contacontos, que se inauguran mañá con "A historia de Martín", serán ás 19 horas.
Descargar todas as imaxes