Escoitar

O alcalde anuncia a conxelación do billete do VITRASA para 2011 e do bono universitario e a rebaixa dun céntimo nas tarxetas verdes

Abel Caballero avanzou hoxe martes que o Concello de Vigo non cargará sobre o billete e os bonos a subida establecida para 2011 no contrato con VITRASA e manterá os prezos deste ano no ordinario e para universitarios, e rebaixará un céntimo as tarxetas restantes. O Concello sufragará con medio millón de euros esta baixada de prezos -a primeira vez que acontece en Vigo-, "un gran esforzo" municipal derivado da "crise moi dura" que estamos a atravesar.

martes, 21 dec 2010
1292938940vitrasa.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes as tarifas do autobús urbano para 2011, que manterá o prezo actual no billete ordinario e para os universitarios, namentres que rebaixará un céntimo as tarxetas verdes restantes.

Segundo explicou Caballero, "estamos nunha crise moi dura" ante a que o Concello ten que facer un "gran esforzo" para a cidadanía. Esta baixada suporá un gasto aproximado de medio millón de euros para as arcas municipais que procederá dun "reaxuste" nas contas para o próximo ano. O Concello xa sufraga este transporte con sobre 10 millóns de euros anuais, aseverou o rexedor.

O contrato coa concesionaria do servizo -VITRASA- estipula unha subida dos prezos do autobús para 2011 de tres céntimos -o billete ordinario pasaría a custar 1,20 euros- en todos os casos excepto para universitarios, que subiría un céntimo. O goberno de Abel Caballero pretende coa decisión "cooperar" cos vigueses e viguesas ante a crise, sendo a primeira vez na historia da cidade que se rebaixan estes prezos.

"Creo que esta cidade debe continuar nos próximos anos reducindo o prezo do transporte público", asegurou o alcalde vigués, e avanzou que o goberno local fará público próximamente novas melloras relativas ao transporte público do municipio.

Tarifas
Atendendo á decisión do goberno local, o prezo do billete ordinario do autobús urbano para 2011 será de 1,17 euros, a mesma cantidade que en 2010, e o bono universitario manterase en 0,59 céntimos. O contrato deixábao en 1,20 e 0,60 euros respectivamente.

As tarxetas restantes experimentarán un céntimo de rebaixa sobre o actual e catro céntimos sobre o prezo que o contrato prevé para 2011: a normal pasará do 0,81 euros actuais a 0,80 euros; o bono social que hoxe custa 0,61 euros abonarase a 0,60 euros; e o de estudantes baixará de 0,78 a 0,77 euros. Os pensionistas tipo 1 e 2 e a tarxeta para persoas con mobilidade reducida serán gratuitos.
Descargar todas as imaxes