Escoitar

María Méndez salienta que o dispositivo de frío do pavillón do Berbés acolleu 200 pernoctacións dende a súa apertura

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, visitou este luns o dispositivo de frío instalado no pavillón do Berbés e deu conta dos datos de utilización dende a súa apertura o pasado 9 de decembre e as innovacións realizadas este ano. Salientou que en total se rexistraron 200 pernoctacións, sendo este fin de semana o de maior afluenza, con 28 persoas cada día.

luns, 20 dec 2010
1292852961dispositivofr.JPG
María Méndez destacou que son varias as innovacións introducidas, entre as que explicou a colocación dunha mampara para aillar o espazo habilitado no dispositivo do resto do pavillón. Tamén fixo referencia á colocación de radiadores nas dependencias utilizadas, a separación dos espazos destinados ás mulleres e aos homes, así como a ampliación de persoal. Neste sentido indicou que a traballadora social, ademais de atender aos usuarios e usuarias, facilítalles información e orientaos a outros servizos municipais. "Algúns non coñecen as prestacións que existen e cumpren as características de esixencia de outras instalacións da cidade", comentou.

Ademais da traballadora social o servizo tamén conta cunha auxiliar e un vixiante de seguridade, presente as doce horas que está aberto o dispositivo. Lembrou que estará en servizo ata o 15 de marzo, "como no resto dos dispositivos do estado español", apuntou a concelleira, en horario de 21 a 9 horas, agás se nesa data se produza unha ola de frío que entón ampliarase.

Respecto ao número de persoas que utilizan este dispositivo, a concelleira de Benestar Social sinalou que houbo un incremento paulatino dende as 4 persoas que se achegaron o primeiro día ata as 28 do pasado venres, sábado e domingo. María Méndez indicou que aínda que este é o número de prazas para o que se habilitou o dispositivo é de 30, en caso de necesidade poderíanse ampliar. Considerou ademais que é un número de prazas axeitado, xa que o ano pasado o máximo de persoas acollidas nunha mesma noite foi nalgúns días de 35.

María Méndez explicou que o perfil das persoas que se achegan cada noite é variado, pero prevalecen os homes españois. Precisamente, tanto este último venres, sábado e domingo, cada noite rexistráronse 23 homes (dos que 13 eran españois e 10 estranxeiros) fronte a 5 mulleres (das que 2 eran españolas e 3 estranxeiras). Entre outros servizos, a concelleira de Benestar Social indicou que ás persoas que se achegan fáiselles entrega un kit de aseo, así como servizo de calor café.

A concelleira salientou que este dispositivo de emerxencia contra o frío é un "compromiso da Concellería de Benestar Social" e que ata a chegada do BNG á Tenencia de Alcaldía, hai tres anos, nunca houbera en Vigo un dispositivo para o frío. Porén, manifestou a necesidade de que a cidade conte cun albergue municipal.
Descargar todas as imaxes