Escoitar

Caballero amosa a súa "satisfacción" pola licitación dos 238 millóns de euros da nova estación do AVE de Urzáiz

O alcalde valorou este mércores positivamente a licitación do Ministerio de Fomento da estación de Vialia en Urzáiz, 153 millóns de euros que completan as catro patas na futura terminal do AVE, cun investimento total de 238 millóns. Caballero confirmou que o ministro José Blanco e o arquitecto Thom Mayne -quen ultima o proxecto- presentarán en Vigo no mes de xaneiro "unha das grandes estacións ferroviarias de España"

mércores, 22 dec 2010
1293025897mayne.JPG
Thom Mayne, nunha visita anterior á cidade de Vigo
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, amosou este mércores a súa "satisfacción" porque Fomento completara a licitación das catro partes orzamentarias que conforman a estación do AVE de Urzáiz, por un valor de 238 millóns de euros.

Fomento informou onte da licitación da estación de Vialia en Urzáiz por 153,6 millóns de euros, que súmanse ás xa anunciadas para a elaboación do proxecto (6,6 millóns), da boquilla da saída das tuneladoras (7,4 millóns) e da parte ferroviaria de 75 millóns de euros. "O custo total elévase a 238 millóns", explicou Caballero.

O alcalde tamén confirmou que o arquitecto Thom Mayne ultima o deseño da estación e traballa "moi activamente" para poder presentalo en Vigo coa presenza do ministro de Fomento, José Blanco.

"Vigo vai ter unha das grandes estacións ferroviarias de España", indicou o socialista, quen recordou que a nova terminal creará á altura da Vía Norte unha gran praza pública de 40.000 metros cadrados, o tamaño de "sete campos de fútbol", ilustrou Caballero, quen agradeceu ao ministro de Fomento que "siga cumprindo escrupulosamente os seus compromisos con esta cidade".

Abel Caballero aseverou que Vigo é a cidade española con maior nivel de obra pública en execución actualmente, o que "significa futuro e emprego". Entre a estación de Urzáiz, o túnel de acceso desde Redondela e a ampliación do aeroporto suman sobre 500 millóns de euros, estimou o alcalde.
Descargar todas as imaxes