Escoitar

O tenente de alcalde presenta a reforma do auditorio de Castrelos e anuncia que terá un mantemento específico

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este venres que a cantante e compositora Norah Jones poderá estrear o vindeiro 14 de xullo un auditorio de Castrelos remodelado tras as melloras acometidas.

venres, 9 xul 2010
1278683650visitaauditorio.JPG
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este venres que a cantante e compositora Norah Jones poderá estrear o vindeiro 14 de xullo un auditorio de Castrelos remodelado tras as melloras acometidas. O investimento das actuacións ascendeu a 256.000 con cargo ao plan Feil e tivo como obxectivo, segundo afirmou o nacionalista a solucionar "necesidades inminentes", como o arranxo do graderío, a reforma dos camerinos, a mellora do saneamento, a substitución dos pavimentos ou o cambio do peche perimetral.

Santi Domínguez explicou que o auditorio, "un emblema da cidade", presentaba problemas de mantemento e deterioro porque no mandato anterior "non se fixera nada". Tras realizar un percorrido polas instalacións xunto aos concelleiros de Cultura, Xesus López, e Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, e a edil de Benestar Social, María Méndez, destacou que ao chegar ao goberno decidiuse dar resposta ás deficiencias do recinto. O resultado foi unha reforma completa do recinto que resolveu todas as deficiencias existentes.

O tenente de alcalde anunciou que para evitar novos deterioros no recinto, o seu mantemento terá unha solución global, que irá unida á do Pazo, coa realización dun "contrato específico" para que ao longo do ano estea en "perfectas condicións". O nacionalista comentou que "de nada serviría que fixésemos esta actuación se logo non ten continuidade".

No tocante ao espazo destinado ao público, o tenente de alcalde explicou que na primeira fase da actuación procedeuse a renovación e compactación da superficie da zona acotada, para prantar céspede en canto rematen os concertos. Sinalou que tamén se actuou nas bancadas, limpándoas, reparándoas e asentando moitas delas.

Respecto ao mantemento xeral do auditorio, ademais de cambiar o peche perimentral, indicou que se arranxaron as cantinas e que se mellorou o saneamento, instalando tuberías para a recollida de augas. Sobre o arranxo dos camerinos, sinalou que "agora se pode dicir que son camerinos de calidade". Asemande, se desenvolveron labores de mantemento no edificio que acolle a zona de oficinas e salas polivantes.

Novo sistema de accesos
O concelleiro de Cultura explicou que ademáis do remodelado auditorio, este ano tamén se vai implantar nos concertos de Castrelos un novo sistema de acceso. Xesus López indicou que o novo sistema consiste en lectores dos códigos de barras que levan todas as entradas, co obxectivo de "evitar posibles duplicidades". Destacou que para facilitar a adquisición dos billetes, fóra do recinto se instalarán dúas máquinas expendedoras para poder retirar as entradas mercadas por internet, introducindo simplemente a tarxeta empregada para adquirilas.

Descargar todas as imaxes