Escoitar

O tenente de alcalde anuncia que Candeán, Saiáns e Zamáns terán cinco roteiros para poñer en valor o seu patrimonio

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentaron este venres o proxecto das áreas etnoarqueolóxicas para as parroquias de Candeán, Saiáns e Zamáns, que se desenvolverá con cargo ao Plan Feil cun orzamento de máis de 130.00 euros. Segundo destacou o tenente de alcalde, o obxectivo principal da actuación consiste en conservar e poñer en valor o contorno paisaxístico e arqueolóxico destes tres ámbitos para vertebralos co resto de atractivos turísticos de Vigo.

xoves, 8 xul 2010
1278592814Etnoarqueoloxicas.JPG
"Para nós é moi importante poñer en valor noso patrimonio, porque implica poñer en valor a nosa cidade e a nosa historia", destacou Santi Domínguez na presentación, na que tamén participaron representantes das comunidades de montes de Candeán, Saiáns e Zamáns, implicadas no proxecto. O nacionalista afirmou que esta iniciativa da continuidade as actuacións desenvolvidas en Toralla e en O Castro, xa que a recuperación do patrimonio histórico "quixo ser dende o principio un dos eixos da nosa xestión", asegurou.

O tenente de alcalde explicou que o proxecto abrangue a creación de cinco roteiros, a colocación de nova sinaléctica e mesas interpretativas e o adecentamento dos ámbitos nos que se atopan os elementos patrmoniais. Nunha primeira fase os traballos van consistir na localización exacta dos bens, a valoración do seu estado e a delimitación dos ámbitos de protección.

O seguinte paso será a creación dos roteiros. Santi Domínguez especificou que un suporá a ampliación da área arqueolóxica de Candeán, coas mámoas como referencia; outro será na Xunqueira de Zamáns, vinculada á necrópole megalítica; o terceiro será na zona dos muiños de Zamáns; outro no sendeiro etnográfico de Saiáns e o quinto na área arqueolóxica rupestre de Saiáns cos petroglifos como elemento singular.

"Tamén queremos facer fincapé na divulgación", engadiu o nacionalista. Neste sentido apuntou que se impulsarán accións de dinamización destinadas a dar a coñecer o patrimonio non só nestas tres parroquias, senón tamén ao resto da cidadanía. Entre as iniciativas que se porán en marcha, o tenente de alcalde destacou a organización de visitas guiadas, a elaboración de unidades didácticas, a convocatoria de conferencias e o desenvolvemento de actividades nos centros escolares e nas asociacións veciñais. Tamén mencionou a creación dunha páxina web "para que todas as persoas poidan comprobar o estado dos enclaves mediante as novas tecnoloxías", explicou.

"Este proxecto permitirá que as tres parroquias poñan en valor o seu patrimonio, así como a creación de recursos turísticos nestas tres zonas como aconteceu no Castro", manifestou o nacionalista. Respecto á actuación en O Castro, salientou a resposta de público que xa acadou a musealización do xacemento, con case 17.000 visitas rexistradas dende a súa apertura. "Este dato reflexa que á xente tamén lle interesa a recuperación do patrimonio histórico", dixo ao respecto.

Santi Domínguez destacou que outro obxectivo que persigue a posta en marcha do proxecto é a incorporación destes atractivos turísticos das parroauias no resto de valores da cidade para vertebralos no conxunto do patrimonio histórico de Vigo. Avanzou que é "intención da Tenencia de Alcaldía e da Concellería de Patrimonio Histórico ampliar a máis zonas da cidade este traballo".

O tenente de alcalde agradeceu a "colaboración e traballo coordinado" coas distintas comunidades de montes de Vigo que forman parte do proxecto. "O BNG sempre apostará polas comunidades de montes porque a masa forestal e pulmón verde da cidade non sería posible sen o seu traballo moitas veces desinteresado", destacou.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, neste sentido, salientou que a posta en marcha desta iniciativa afonda e consolida a boa relación existentente do BNG coas comunidades de montes "nun momento no que hai actuacións conflitivas". Asegurou que a formación nacionalista "sempre apoiou decididamente a figura e a existencia dos montes en man común".

Preguntado polos medios sobre os prazos de execución do proxecto, Eudosio Álvarez indicou que no mes de setembro se formalizará un convenio que especifique as actuacións que se levarán a cabo para o coidado e mantemento das zonas co obxectivo de por en marcha as visitas o vindeiro ano.
Descargar todas as imaxes