Escoitar

Santos Héctor destaca o descenso do paro en Vigo e reclama a implicación de todas as administracións

O concelleiro socialista saudou o a baixada das cifras na nosa cidade e explicou que os datos reflicten que de maio a xuño o descenso foi de 849 desempregados, cunha baixada en todos os sectores excepto en agricultura e gandería. Héctor lembrou as inversións do goberno central e do propio Concello fronte a falla de criterios de reparto de fondos que leva a cabo a Xunta de Galicia.

xoves, 8 xul 2010
1278593146santoshector.JPG
O Concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Participación Cidadá, Santos Héctor, destacou hoxe o descenso das cifras do paro na cidade por segundo mes consecutivo e saudou esta baixada coma "un bo síntoma". Segundo explicou o socialista de maio a xuño as cifras de desempregados pasaron de 29.229 a 27.725, o que significa 849 parados menos na cidade olívica. Tal e como asegurou todos os sectores experimentaron baixada, coa excepción da agricultura e gandería, que tivo no mes de xuño 7 parados máis.

Aínda así Santos Héctor reclamou hoxe o esforzo de todas as administracións "para que o desemprego siga este camiño" e contrapuxo as inversións do goberno central -ben a través do FEIL ou inversións coma o túnel do AVE ou o aeroporto- coa "falla de atención" do goberno que dirixe Alberto Núñez Feijóo.

O edil destacou que tanto o goberno central como as inversións propias do Concello vigués xeneran riqueza e contribúen a dinamizar a economía e a fomentar o emprego. Frente a elo Héctor lamentou que "a Xunta non está á altura na nosa cidade, nin en inversións nin en políticas activas de emprego".

Como exemplo o concelleiro socialista referiuse ás cantidades económicas que reciben os distintos concellos do organismo autonómico para programas de formación e emprego que revelan, segundo Santos Héctor "que non todos os galegos son iguais para o señor Núñez Feijóo".

Vigo, cunha poboación de 300.000 habitantes e 27.725 desempregados "recibe para programas de cooperación 416.116 euros" fronte as 240.000 que recibe O Porriño neste mesmo capítulo. As cifras se traducen en que a cada parado vigués lle corresponden 15 euros mentras que a cada desempregado porriñés a cifra ascende aos 116,5 euros. Santos Héctor insistiu que os criterios para o reparto de fondos deben sustentarse no número de desempregados e na poboación para que non exista este desequilibrio.
Descargar todas as imaxes