Escoitar

O tenente de alcalde avanza que a primeira biblioteca de barrio municipal abrirá tras o verán co nome do escritor Neira Vilas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este martes que a primeira biblioteca municipal de barrio da cidade será unha homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas, xa que levará o seu nome. Na visita que xunto ao concelleiro de Cultura, Xesus López, realizou a esta nova dotación, ubicada na rúa Martínez Garrido, o nacionalista subliñou que ademais de contribuir a paliar a carencia de postos de lectura que hai en Vigo, o centro será un elemento fundamental na dinamización do barrio.

martes, 2 mar 2010
1267537313visitabiblioteca.jpg
Santi Domínguez salientou que a nova biblioteca é a primeira da rede de bibliotecas municipais que está poñendo en marcha a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura. Asemade, expresou a súa confianza de que estea "a pleno rendimento co novo curso escolar", unha vez que se complete a dotación de mobiliario e fondos. O nacionalista anunciou que o escritor Xosé Neira Vilas aceptou estar presente no acto de inauguración.

Segundo destacou o tenente de alcalde, a nova dotación é innovadora, ampla, cun espazo aberto e luminoso, e interactiva. Santi Domíngeuz explicou que contará con 74 postos de lectura, e ademais dunha sala de lectura terá outra dedicada aos nenos e outra aos medios audiovisuais.

"Hai meses visitamos o que era o esqulete da primeira biblioteca municipal de barrio e hoxe podemos comprobar que ese esquelete está rematado", manifestou Santi Domínguez. Respecto ao investimento realizado, indicou que o orzamento global é de 1.200.000 euros, dos que 527.000 euros se destinaron á obra e 180.000 euros á adquisición de parte dos locais, mentres que o resto será destinado á adquisición de mobiliario e fondos. Esta última fase iniciarase con cargo aos orzamentos municipais e se iniciará en canto estén definitivamente aprobados.

O tenente de alcalde expresou o seu agradecemento á Asociación Veciñal do Calvario, que cedeu parte do local no que se atopa a biblioteca. "Este é o primeiro paso para seguir avanzando nas bibliotecas de barrio e suplir o déficit que Vigo ten neste tipo de dotacións", asegurou.
Descargar todas as imaxes