Escoitar

Santi Domínguez anunciou que a segunda convocatoria de axudas ao comercio duplica á primeira con 2.388 peticións

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que a segunda convocatoria de axudas directas ao pequeño e mediano comercio superou todas as previsións, xa que se presentaron 2.388 solicitudes, máis do dobre que no primeiro prazo. O concelleiro avanzou que para facer fronte ao incremento de peticións amplianse os 600.000 euros previsitos inicialmente para chegar ata aos 850.000.

venres, 26 feb 2010
1267191872axudascomercio.jpg
Na primeira convocatoria das axudas presentáronse 1.063 solicitudes, e para o tenente de alcalde que o neste segundo prazo se teña alcanzado a cifra de 2.388, significa que "acertamos ao poñelas en marcha e saber dar resposta as necesidades dos comercios vigueses". O nacionalista dixo que dende o primeiro momento "tivemos claro que os recursos da Tenencia de Alcaldia e da Concellería de Comercio tiñan que ir enfocados a apoiar o comercio da cidade". Santi Domínguez destacou ao respecto que 16.000 postos de traballo directos en Vigo dependen deste sector, por iso "pensamos que todas as axudas son poucas sobre todo nun momento de crise como este".

O tenente de alcalde sinalou que a contía das axudas que recibe cada solicitante oscila, dependendo da puntuación que resulta da ponderación dos criterios que é preciso cumprir. Estes criterios refírense ao súa ubicación ou non en zonas de obras, os postos de traballo existentes no establecemento, as súas características e duración, e o fomento da formación e as novas tecnoloxías. Indicou asemade que terán prioridade os comercios que non recibiron axuda na convocatoria anterior, aínda que os que foron beneficiarios poden solicitala tamén. "Estas axudas contribúen a facer melloras nos comercios e saír pouco a pouco da crise", afirmou o tenente de alcalde.

Por outra banda, Santi Domínguez recoñeceu que é certo que teñen pechado comercios en Vigo, pero salientou que "non valen catastrofismos" senón que é preciso "traballar con ilusión". Explicou que na súa maioría o peche afecta aos comercios de nova creación, xa que son os que máis sofren os problemas de financiamento. Ademais, e en resposta aos medios, sinalou que os datos globais dos peches son "moi relativos", posto que hai comercios que non pecharon obrigatoriamente pola crise, senón debido á falta de sucesión ou polo seu traslado.

"A situación do comercio vigués non é para nada catastrófica, e sairá adiante porque hai un traballo moi forte detrás", subliñou o nacionalista. Asemade, fixo referenza ás declaracións do vicepresidente da Deputación e concelleiro do PP, José Manuel Figueroa, sobre o peche dos comercios por mor das obras. "Xa me gustaría que como vicepresidente da Deputación esta institución investira outros 850.000 euros para axudar aos comercios de Vigo", manifestou ao respecto.

O nacionalista explicou que entre os últimos tres meses do ano 2009 e os tres primeiros do 2010 Tenencia de Alcaldía destinará 2.400.000 euros a dinamización do comercio, entre as axudas directas ao comercio é as axudas ás familias para o fomento do consumo.

Santi Domínguez lembrou ademáis que a cargo do plan FEIL, Tenencia de Alcaldía investirá 115.000 euros no pequeno e mediano comercio de Vigo para impulsar a súa modernización tecnolóxica. "Isto é o que temos que facer para que o comercio vigués saia adiante", asegurou.
Descargar todas as imaxes