Escoitar

O alcalde convoca a Comisión Local de Seguridade para "anticiparnos" ao temporal previsto para o sábado

Abel Caballero reunirá na tarde deste xoves á Comisión Local de Seguridade para preparar o dispositivo municipal de seguridade e emerxencia de cara á previsión de temporal que chegará a Vigo o vindeiro sábado. Na tarde de onte mércores e pola noite, os servizos municipais retiraron 15 árbores caídas e 50 contedores, ademais de distintos elementos perigosos, como planchas do tellado do estadio de Balaídos.

xoves, 25 feb 2010
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, convocou para a tarde deste xoves á Comisión Local de Seguridade para preparar o dispositivo de emerxencias municipal de cara ao temporal previsto para o vindeiro sábado.

Así o asegurou o alcalde en rolda de prensa, e afirmou que o obxectivo desta medida é "anticiparnos" ás posibles consecuencias derivadas dos refachos de vento e choiva do próximo sábado, segundo as predicións dos servizos metereolóxicos.

O temporal que azotou Vigo onte mércores pola tarde e durante a madrugada obrigou aos servizos municipais a retirar 15 árbores caídas e 50 contedores volcados. A "situación moi complicada" de onte derivou na retirada de placas en risco de caída en distintas rúas da cidade, retirada de tellas, fiestras e cristais, panales publicitarios, antenas de televisión, rótulos e vallas.

Segundo apuntou Abel Caballero, o forte vento tirou un andamio na rúa Elduayen e as emerxencias do Concello tiveron que retirar unha plancha do Centro Comercial A Laxe. O estadio municipal de Balaídos, nun lateral da grada de Río, viuse afectado polo temporal, e foi necesario retirar planchas do tellado do campo. Sobre esta última incidencia, o alcalde deu instruccións ao concelleiro de Patrimonio, Carlos López Font, para reforzar e asegurar o tellado de toda a grada, ante as adversas condicións climátolóxicas de pasadomañá.