Escoitar

Abel Caballero aboga por unha parcela baixo o Museo Liste para o novo edificio do Colexio Altamar

Tras reunirse coa súa directora, o alcalde informou dunha proposta avalada por 2.000 sinaturas para ubicar o novo Colexio Altamar nunha parcela baixo o Museo Liste. Caballero pulsará a opinión dos pais, profesorado e veciñanza da zona para coñecer o apoio da alternativa e adoptar unha "decisión inmediata" que solvente o actual problema de espazo do centro. "Urbanísticamente é posible", asegurou o rexedor.

venres, 19 feb 2010
1266587429altamar.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, aposta por unha parcela baixo o Museo Liste para a construcción do novo Colexio Altamar. Esta opción foi proposta pola directora do centro, Ángeles Rodríguez, -e avalada polo alcalde- ante a falta de espazo do actual e co apoio de 2.000 sinaturas.

Caballero recordou que o espazo actual é "claramente insuficiente" e o Concello ten o compromiso de dotar á Xunta de Galicia dunha nova ubicación para que ésta constrúa o novo centro. A alternativa da parcela xunto ao Museo é "urbanísticamente posible", polo que a vindeira semana Caballero pulsará a opinión de pais, profesorado e veciñanza da zona ao respecto, con vistas a adoptar unha "decisión inmediata".

Segundo indicou o primeiro edil, a calificación da parcela pode ser modificada por acordo plenario para que teña cobertura no Plan Xeral, e dar así cabida ao novo centro. O proxecto, cualificado por Caballero de "axeitado", contaría con espazos verdes de uso educativo que quedarían abertos para a cidadanía fóra de horario lectivo; e do mesmo xeito albergaría aulas que poderían ser empregadas por colectivos cidadáns.

Hospital da Cruz Vermella
Abel Caballero tamén informou do seu envio de sendas cartas á presidenta da Cruz Vermella e ao presidente da Xunta de Galicia manifestando o seu desexo de que o hospital de Cánovas del Castillo non sexa pechado.

O alcalde aseverou que o peche suporía para Vigo a perda de 70 camas para enfermos de longa duración, dun centro de día e de 70 postos de traballo. Tamén indicou que, de facerse efectivo o peche, reclamará á entidade a devolución dos terreos, cedidos polo Concello mediante un convenio para uso hospitalario.

Caballero asegurou que en xaneiro de 2009 xurdíu un problema similar ao actual e que foi entón o SERGAS o que aportou unha cantidade económica adicional para manter a operatividade do centro durante un ano máis, unha alternativa que o alcalde suxire á actual Xunta de Galicia para manter a actividade do hospital.
Descargar todas as imaxes