Escoitar
Antes do seu concerto no MARCO o martes 30 de xuño, celébrase unha mesa redonda cos críticos Juan Claudio Cifuentes e Javier de Cambra

O pianista Agustí Fernández, referente da música de vangarda, no Imaxina Sons

Cunha abraiante traxectoria xa, o pianista Agustí Fernández (Palma de Mallorca, 1954) é o nome de referencia na música de vangarda española. O martes 30 de xuño ás 21.30h Agustí Fernández ofrece un concerto no MARCO dentro do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons cun prezo de entrada de 2 euros. Antes da súa actuación no MARCO, o festival ten programada unha mesa redonda cos críticos Juan Claudio Cifuentes e Javier de Cambra que ofrecerán un relatorio baixo o título Anécdotas Jazzísticas

luns, 29 xuñ 2009
1246282062agusti.jpg
Agustí Fernández
Se o recoñecemento internacional dun músico se mide na cantidade e calidade de artistas que o reclaman desde diferentes partes do mundo, Agustí Fernández está no alto. Presente en relevantes eventos jazzísticos e admirado por este público, Fernández nunca se considerou un músico de jazz en sentido estrito. En terra de ninguén construíu unha sólida carreira na que a experimentación funciona como motor. Antes da súa actuación no MARCO, o festival ten programada unha mesa redonda cos críticos Juan Claudio Cifuentes e Javier de Cambra que ofrecerán un relatorio baixo o título Anécdotas Jazzísticas. Segunda parte, coa idea de continuar coa tertulia emprendida co público vigués na pasada edición do festival. A xornada do martes 30 comeza coa clase maxistral de Fred Frith no Conservatorio e remata coa actuación de U-lo Trío? dentro do programa Jazz na Noite.


Agustí Fernández é profesional da música desde os trece anos e sempre sinala na orixe da súa carreira a influencia de Cecil Taylor e Iannis Xenakis, con quen estudou en 1978. A súa andaina como solista arranca na II Bienal de Xóvenes Artistas Creadores de Tesalónica (Grecia) en 1987 e o seu primeiro disco Ardent (Blau, 1987) apunta o camiño da libre improvisación que nunca abandonou. Como pianista solista editou ademais os seguintes discos: La Porta (PE, 1990), Piano Solo (PE, 1991), 1 is not 1 (Nova Era, 1998), Territorios y Serendipias (IBA, 2001), Para Teresa (Sirulita, 2002) e Camallera (G3G/Sirulita, 2004). Como líder gravou Nofres (PDI, 1988) con sexteto, Aura (Taller, 1991) coa Big Ensemble do Taller de Músics de Barcelona, e Lonely Woman (Taller/Sirulita, 2004) co cuarteto, un traballo inspirado en Ornette Coleman que presentou na primeira edición de Imaxina Sons. A súa discografía abrangue outros moitos traballos en dúo, trio e outras formacións, como o que gravou en 2003 co Evan Parker Electro-Acoustic Ensemble, formación á que pertence desde 2002, titulado Memory/Vision e que o converteu no primeiro músico español en editar coa prestixiosa casa alemá ECM. En 2006 editouse Aurora (Maya), un disco moi persoal xunto a Barry Guy e Ramón López no que o pianista imaxinaba un novo folclore español e xunto ao batería Jo Krause acaba de publicar o disco Draco (Anacrusí, 2009).

Ademais do seu traballo en solitario, o mallorquín mantén varios proxectos estables: o cuarteto, un dúo coa frautista norteamericana Jane Rigler e, desde hai máis de dez anos, o Trío Local con Joan Saura e Liba Villavecchia. As inquedanzas artísticas conducírono a colaborar con músicos como o cantaor Miguel Poveda ou co bailarín Andrés Corchero co que leva creando espectáculos conxuntamente desde 1998. Desde hai sete anos é membro da Barry Guy New Orchestra, que participou na pasada edición de Imaxina Sons. O seu labor difundido e promovendo o jazz levouno a dirixir a Big Ensemble do Taller de Músics barcelonés, e a fundar e participar da Orquestra do Caos, formación nacida en 1991 como unha extensión da big ensemble mencionada. Tamén participou na fundación do IBA (Colectivo de Improvisadores de Barcelona) do que foi director até o ano 1991e desde hai nove anos comisario del ciclo Noites de Música da Fundació Joan Miró en Barcelona. Convencido de que a música contemporánea con todas as súas posibles texturas debe ter un espazo normalizado na sociedade, Agustí Fernández é ademais profesor de improvisación na Escola Superior de Música de Cataluña desde 2001, sendo o primeiro titular desta materia nun centro oficial español.
Antes do concerto do pianista mallorquín, tamén no MARCO desenvolverase a mesa redonda Anécdotas jazzísticas-Segunda parte coa participación dos críticos Juan Claudio Cifuentes, director do programa Jazz porque sí (RNE) e Javier de Cambra, colaborador do programa Sonideros de Radio3 (RNE) e crítico de jazz de La Razón.

En canto a Jazz na Noite, o programa que leva a música en directo polos clubs da cidade, o martes 30 acolle a partir das 23h a actuación de U-lo Trío? no pub Contrabajo (Rúa Venezuela, 82). A actuación pon o punto final a esta xornada dentro do Festival de Jazz de Vigo. Unha xornada que dará comezo coa clase maxistral que o compositor e guitarrista Fred Frith impartirá no Conservatorio Superior de Músicas e para a cal xa non quedan prazas dispoñibles desde a pasada semana.

Programa Martes 30 de xuño

11,00-13:30 h Clase maxistral Fred Frith
Conservatorio Superior de Música.

20,30 h Mesa redonda/Conferencia
Anécdotas jazzísticas-Segunda parte. Mesa redonda coa participación
dos críticos Juan Claudio Cifuentes, director do programa Jazz porque sí
(RNE) e Javier de Cambra, colaborador do programa Sonideros de Radio
3 (RNE) e crítico de jazz de La Razón.
Salón de actos do MARCO.

21,30 h Agustí Fernández
Salón de actos do MARCO.

23,00 h CICLO Jazz na Noite Contrabajo.
U-lo Trío?
Descargar todas as imaxes