Escoitar

Santi Domínguez firmou o patrocinio do Mundial de hóckey con Caixanova e presentou o himno do campionato

O tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, asinou hoxe con Caixanova o contrato de patrocinio do Campionato do Mundo de hóckey a patíns, que se disputará en Vigo e Pontevedra do vindeiro día 4 ao 11 de xullo, e presentou xunto a Jorge Santos, director de Infancia, Xuventude e Deportes da entidade, o torneo de base que do 5 ao 10 de xullo se disputará de forma paralela á competición oficial no Ifevi,pavillón de Pontevedra e pavillón do Carme.

venres, 26 xuñ 2009
1246020602sinautraconveniohockey.jpg
A firma realizouse coa presenza de Laura Magdalena, directora xerente da Fundación VIDE, que canaliza a xestión orzamentaria do Mundial.

O tenente de alcalde amosouse moi satisfeito polo apoio de Caixanova "unha vez máis e son moitas" ao deporte vigués. Para Santi Domínguez "o Mundialito é o reflexo do que temos claro en Tenencia e na Concellería de Deportes, e que é que o evento ten que deixar un pouso". O político nacionalista destacou que os obxectivos para unha cita como esta son catro, "a promoción turística da cidade, o retorno económico que non vén nada mal nestes tempos, que a cidadanía goce cun gran espectáculo e aumentar a práctica deportiva en xeral e no hóckey en particular". Tanto el como Jorge Santos manifestaron que este torneo de base (dezaseis equipos de España, Portugal, Francia, Italia, Andorra e Arxentina) "non ten precedentes".

O representante de Caixanova asegurou que "o turismo deportivo é unha fórmula perfectamente válida e con resultados sabidos e demostrables" para a promoción dunha cidade e asegurou do torneo base, a Vigo Cup de hóckey a patíns, que "permitirá aos clubs locais competir con equipos de fóra, o que rompe coa rutina habitual". Ademais, considera que este tipo de eventos "son importantísimos para Vigo se se pon a semente de novas vocacións deportivas e a práctica de vida saudable a través do deporte".

Himno do Mundial
Para pechar o acto, Santi Domínguez presentou en primicia mundial o himno de Vigo 2009, é dicir, a banda sonora que iniciará cada retransmisión televisiva e cada xornada do Campionato do Mundo de hóckey a patíns. A peza musical, con versión en tres idiomas (galego, castelán e inglés), é obra do produtor vigués Javier Abreu, primeiro produtor de Los Piratas e que traballou en discos da chamada "movida" viguesa (Aerolíneas Federales, Os Resentidos...) entre outros.

Ademais, no acto estivo presente a mascota do Mundial, Oli, cada día máis recoñecida polos vigueses e viguesas e en especial polos nenos e nenas.



Descargar todas as imaxes