Escoitar

Iolanda Veloso presenta o certame de curtametraxes "Vigounhaedez" dirixido a menores de 30 anos

A concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, presentou este venres o concurso de curtametraxes "Vigounhaedez", convocado en colaboración coa asociación xuvenil Abertal e dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos. "Queremos que a xente nova presente a súa visión de Vigo a unha e dez da noite", explicou a concelleira, co obxectivo de organizar unha mostra con todos os traballos presentados os días 25 e 26 de setembro.

venres, 26 xuñ 2009
1246020176vigounhaedez.jpg
Iolanda Veloso destacou que este certame trata de afondar nas actividades que fan as mozas e mozos vigueses no seu tempo de lecer, "contado historias directamente por eles que acontecen na nosa cidade". O prazo de presentación de traballos remata o 10 de agosto e, segundo indicou a concelleira de Xuventude, premiarase con 600 euros o mellor traballo presentado e concederase un accesit de 300 euros ao mellor traballo presentado por realizadores ou realizadoras menores de 20 anos.

En representación da asociación xuvenil Abertal, Alicia Francés indicou que o proxecto naceu hai tres anos no marco da convocatoria dun curso-obradoiro no que se realizaron dez curtametraxes de algo máis de 1 minuto sobre o que ocorre ou pode ocorrer en Vigo á 1 e 10. Neste momento arredor de 50 mozos e mozas participan activamente nas diferentes partes do proxecto, co obxectivo final de construír unha plataforma estable que teña continuidade con este e outros proxectos similares.

"A celebración do concurso é posible grazas á Concellería de Xuventude", destacou Ana Falagán, da asociación xuvenil Abertal. O concurso está aberto á participación de realizadores e realizadoras menores de 30 anos, e poderán presentar un traballo a título individual ou ben un traballo colectivo, ata un máximo de tres obras por autor. As curtas deben ser realizadas con data posterior a xaneiro de 2006 e poden estar rodadas en galego ou en castelán; noutras linguas, deberán estar ademais subtituladas. Ademais, non poderán exceder os 30 minutos.

Cada curtametraxe deberá estar gravada nun DVD e este irá acompañado da ficha de inscrición debidamente cuberta e de dúas fotografías representativas da curtametraxe en formato dixital, así como de outra documentación como dosier, ficha e cartel. Para participar no certame os traballos deben enviarse antes do 10 de agosto ao enderezo da A. X. Abertal, rúa Venezuela 3, baixo. 36203- Vigo (poñendo no sobre "vigounhaedez 2009"). A información pódese consultar na web www.vigounhaedez.org, no teléfono 986 225 662 ou no correo info@vigounhaedez.org
Descargar todas as imaxes