Escoitar

O goberno local salienta a mellora da calidade de vida de todos os vigueses nos ecuador do mandato

O alcalde e o tenente de alcalde presentaron hoxe martes -coa presenza de todos os concelleiros e concelleiras- o balance da acción do goberno de Vigo durante os dous primeiros anos, "satisfactorios" polo "progreso de toda a cidade", "sen distincións". Abel Caballero e Santi Domínguez salientaron a capacidade de xestión do goberno local e comprometeron máis traballo para o resto do mandato.

martes, 16 xuñ 2009
1245155257Diapositiva2.JPG
O alcalde, Abel Caballero, salientou este martes a mellora da calidade de vida de todos os vigueses, "sen distincións", como o principal resultado dos dous anos de mandato do goberno local. Introducido polo tenente de alcalde coa presenza de todos os concelleiros municipais, o goberno de Vigo presentou dous anos "satisfactorios" e de "progreso para toda a cidade".

No transcurso da presentación no Centro Social Caixanova, Abel Caballero repasou os principais logros do goberno vigués no ecuador do mandato, salientando a aprobación dun Plan Xeral co 43% de vivenda de protección oficial para os vigueses, a rehabilitación e dinamización social do Casco Vello, e as humanizacións, "a maior transformación da historia" con un centenar de rúas de Vigo humanizadas distribuidas por toda a cidade, e non só polo centro.

No capítulo de infraestruturas, o alcalde incidiu na chegada da Alta Velocidade a Vigo directo por Cerdedo, a consecución da entrada soterrada á cidade e non en zanxa, e a nova estación intermodal de Urzáiz, diseñada por Thom Mayne. Salientou tamén Abel Caballero o impulso recibido ás conexións viarias (autovias a Porriño e Pontevedra, principalmente); e o "aeroporto de primeira" cunha nova terminal en marcha, o aparcadoiro e a creación dun comité de rutas para Peinador unicamente existente en Barcelona.

O alcalde subliñou outras consecucións demandadas pola cidade como o Auditorio Pazo de Congresos en execución ou a Biblioteca Estatal, con consignación orzamentaria para este ano.

Abel Caballero subliñou otras cuestións logradas, como a apertura da ETEA aos vigueses e as novas dotacións xudiciais, o rexistro e o Xulgado Mercantil para este ano 2009. Destacou igualmente o rexedor a aposta polo incremento da atención social aos máis desfavorecidos como unha prioridade na acción de goberno.

A cobertura sanitaria, "o deporte e a cultura para todos", e o emprego tomaron un papel relevante na exposición e o alcalde aseverou que creouse en 2009 máis de 2.000 empregos -entre o Plan Municipal de Emprego e o Plan E do Goberno de España- mentres que no 2007 foi dunha décima parte.

A sostenibilidade foi outro alicerce básico na presentación, comezando pola nova depuradora impulsada, as novas ordenanzas e campañas cidadás como o Camiño a Camiño, e a renovación da rede de saneamento

Abel Caballero destacou o impulso recibido polo turismo, en especial coa aprobación por primeira vez dun Plan de Competitividade Turística e a creación da Fundación Vigo Conventio Bureau. Outros logros acadados nestes dous anos foron a mellora do transporte e a "prioridade" municipal da educación, principalmente coa aprendizaxe activa do inglés nas aulas e no estranxeiro.

O tenente de alcalde, Santi Domínguez,subliñou que "por riba de discrepancias puntuais que poden existir", este é un "goberno eficaz, unido, sólido e vertebrado arredor dun proxecto de cidade, que quedou ben definido no pacto de goberno que asinamos as dúas forzas políticas". Neste sentido explicou que aínda que é un goberno con "distintos puntos de vista", ten unha mesma realidade, que é "traballar para a xente".

"Non é unha tarefa doada, pero sinceiramente penso que nestes dous anos temos avanzado moito e ben neste camiño", salientou Dominguez. Ao seu xuízo, esta andaina ten sido posible posto que se ten levado a cabo "co convencemento de que é o único traxecto posible para facer de Vigo a cidade que todos e todas queremos".

Santi Domínguez salientou que é preciso "afondar na transformación da cidade, das zonas emblemáticas como o Casco Vello"; pero tamén afirmou a necesidade de "dar respostas claras á crise e aos sectores máis desfavorecidos", estando ao carón dos traballadores e traballadoras e apoiando aos sectores produtivos. Ademais, defendeu o traballo a prol dunha cidade "cos mellores servizos e cunhas infraestruturas acordes coa primeira cidade de Galiza".

Neste futuro para Vigo, que segundo o tenente de alcalde a cidade debe encarar "con ambición", fixo un chamamento ao Partido Popular "para que veña connosco" e que "traballe por esta cidade propoñendo iniciativas e non marchando dos debates". Para Santi Domínguez, é preciso que o PP "non se agoche cando teñamos que reivindicar ao goberno da Xunta os grandes proxectos desta cidade".
Descargar todas as imaxes