Escoitar

O Día da Muiñeira reunirá a 2.000 participantes de 220 grupos o sábado na Praza de Compostela

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe a XXXIX edición do Día da Muiñera e o X Concurso do Ensalzamento do Traxe Galego, que se celebrarán o vindeiro sábado, asegurando que se trata "dun dos días máis importantes da programación que desenvolve a Concellería de Cultura e Animación Sociocultura". Este ano 220 grupos, con máis de 2.000 participantes, actuarán na Praza de Compostela.

martes, 9 xuñ 2009
1244547410diamuineira09.jpg
Como actividade previa ao festival do Día da Muiñeira, celebrarase o X Concurso do Ensalzamento do Traxe Galego, que terá lugar tamén o sábado a partir das 17:30 horas na lonxa do Concello. O concelleiro explicou que tras o éxito do ano pasado, de unificar nun mesmo día os dous eventos, este ano repítese a experiencia co obxectivo de darlle maior entidade á xornada.

No concurso está prevista a participación de 26 traxes individuais e 10 colectivos. Haberá dous primeiros premios por categoría do traxe de adultos (antigo, cotío, moderno e agrupación), e outros dous para o traxe infantil. Ao remate do concurso haberá unha concentración na Praza do Rei de todos os grupos participantes no Día da Muiñeira, que posteriormente se desprazarán ata a Praza de Compostela, onde ás 20:30 horas se iniciarán as actuacións.

O concelleitro salientou que o Día da Muiñeira é unha celebración que se sostén sobre "unha participación multitudinaria de grande espectacularidade". Xesus López agradeceu neste senso o labor desenvolvido polo director da Escola Municipal de Danza, Wenceslado Cabezas de Toro "Polo", para manter e mellorar o certame ao longo dos anos. Tamén quixo agradecer o apoio que El Corte Inglés ofrece a este evento ano tras ano.

O director da Escola Municipal de Danza lembrou que o Día da Muiñeira se celebrou por primeira vez no ano 1970 no Náutico cun cento de participantes. Desde aquel entón o festival foi crecendo tanto en participación como en espectacularidade, así como na celebración de actividades paralelas. Este ano están previstas na Praza de Compostela unha Mostra de Artesanía Tradicional, actuacións de grupos de baile e gaitas e concertos de bandas de música.

"Polo" fixo especial referenza ao concurso do Ensalzamento do Traxe Galego, pola importancia que ten na recuperación da nosa tradición. Indicou que este anos se presentarán traxes recuperados nun rastro ou elaborados a través das imaxes aparecidas nun libro editado en inglés.

O xefe de Relacións Externa de El Corte Inglés, José Manuel Blanco, amosou a "identificación" da súa empresa con esta celebración. Explicou que a experiencia do ano pasado, na que unificaron nun mesmo día os dous eventos, "foi o impulso para manter o formato este ano e incrementalo con novos aliencientes". Asegurou que este ano "queremos batir records de participación, porque o festival é o estímulo e o recoñecemento de toda a sociedade para toda a xente que traballa ao longo do ano".
Descargar todas as imaxes