Escoitar

Elduayen e Paseo de Alfonso terán unha "actuación emblemática" marcada polo incremento de zona peonil

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, explicaron este martes as actuacións previstas para a rúa Elduayen e o Paseo de Alfonso, que terán como consecuencias principais o incremento da zona peonil e a conectividade entre a zonas baixa e alta do Casco Vello. A actuación, que conta cun investimento de 4.300.000 euros, levarase a cabo nunha superficie total de 15.055,94 metros cadrados e o obxectivo consiste en que tras as obras, a superficie peonil sexa de 9.979,83 metros cadrados.

martes, 20 xan 2009
1232461157proyectoelduayen.jpg
"Trátase dunha actuación emblemática para Vigo dentro do paquete de investimentos previstos", subliñou o tenente de alcalde, quen explicou que é emblemática porque afecta a todo o Casco Vello, un elemento "fundamental para o desenvolvemento da cidade", e porque vai intervir "nunha área simbólica da cidade que actualmente está deteriorada e obsoleta". Segundo Santi Domínguez, a actuación pretende tamén superar a "rotura física" que existe na actualidade entre a parte baixa e a parte alta do Casco Vello. "Esta actuación é importante para priorizar que a cidadanía viguesa poida gozar do casco histórico da cidade", subliñou.

Ao respecto, a concelleira de Patrimonio Histórico explicou que no século XX, co primeiro Ensanche, abriuse a rúa Elduayen e esta actuación supuxo a división do Casco Vello en dúas partes "que seguen sen ter moita conexión entre elas" e que fan que tanto Elduayen como a Porta do Sol sexan corredores. Segundo Elena Maure, o proxecto presentado hoxe permitirá a "concatenación de espazos públicos" dende a Porta do Sol ao Paseo de Alfonso. Para iso, levarase a cabo unha reordenación do tráfico rodado, "priorizando o transporte público" e concedendo aos espazos "carácter estancial". Así, reducirase a sección para a rodadura, facendo que o espazo peonil, na Porta do Sol, pase de ser o 25% ao 75% e deixando o pavimento á mesma rasante. "Deste xeito queremos disuadir a velocidade do tráfico rodado", indicou a edil nacionalista.

Respecto a rúa Elduayen Elena Maure sinalou que na actualidade, aínda que ten tres carrís debuxados, na práctica só se poden utilizar dous, polo que é preciso reconfigurar a zona de rodadura e ampliar as beirarrúas. No tocante ao Paseo de Alfonso, a concelleira de Patrimonio Histórico indicou que deixou de ser un paseo, "polo que coas actuacións previstas quérese recuperar a súa función orixinal, coa reducción do espazo rodado". Ademais, explicou que o tratamento inclúe a instalación de illas ecolóxicas soterradas que permitan mellorar a estética das rúas e evitar os malos cheiros.
1232461157proyectoelduayen.jpg
1232461181elduayen.jpg
Descargar todas as imaxes