Escoitar

Abel Caballero e Carlos Mouriño acordan redactar o protocolo que facilite a viabilidade do Celta

Mañá mércores comezarán as conversas entre o edil de Patrimonio, Carlos L. Font, e directivos do Clube de cara á súa redacción, segundo adiantou o alcalde. Abel Caballero explicou que o protocolo sentará as bases da futura ampliación do convenio actual, o que facilitará o éxito do proceso concursal no que está inmerso a entidade. O alcalde ratificou que o acordo "non lles costa nin un euro" aos vigueses.

martes, 20 xan 2009
1232460298P1200017.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, acordaron este martes o inicio da redacción do protocolo entre o Concello e a entidade, o que facilitará a viabilidade da mesma e o éxito do proceso concursal no que está inmersa.

Segundo informou o alcalde ao remate da reunión, mañá comezarán as conversas entre o concelleiro de Patrimonio, Carlos L. Font, e os responsables do Club para iniciar a redacción do protocolo -que nun futuro se ratificará na prolongación do convenio- que finalizarán "en poucos días", valorou Abel Caballero.

O rexedor avanzou que o protocolo partirá do convenio actual, asinado entre as partes "fai quince anos aproximadamente" e que continúa en vigor, para que os encargados da realización do procedemento concursal de acredores "saiban que o Concello no seu momento asinará o convenio" que permita ao Celta empregar, como ata o de agora, as instalacións, a publicidade e os establecementos comerciais. "Estes son os elementos centrais que van integran o protocolo", afirmou o alcalde.

Abel Caballero agarda que o protocolo permita definitivamente a saída do Celta do concurso de acredores, unha vez a entidade alcanzou un acordo co seu principal acredor, Caixanova, e a propiedade do Club ingresou capital no mesmo, dúas condicións previas establecidas polo alcalde para a ratificación do acordo co Concello.

O mandatario vigués insistiu en que "non se está dando nada ao Celta que non teña xa", e o acordo supón "unha declaración de intencións" do Concello da súa vontade de "prorrogar o convenio actual" que "non lle costa nin un euro aos cidadáns de Vigo", salientou.

Segundo indicou o alcalde, coa ratificación deste protocolo, o Concello facilita a resolución do concurso de acredores no que está inmerso o Celta, para que o Club poida renegociar a súa situación económica cos seus acredores sabendo estes que o proceso é viable.
Descargar todas as imaxes