Escoitar

A musealización dos restos arqueolóxicos do Castro conta cun investimento superior a un millón de euros

O tenente de alcalde de Vigo, Santi Domínguez, e a concelleira de Patrimonio Histórico anunciaron este venres que a musealización dos restos arqueolóxicos do Castro conta cun investimento de 1.082.000 euros. Segundo os nacionalistas, esta actuación permitirá a recuperación e disfrute dunha parte fundamental do patrimonio histórico vigués que ten unha datación entre o século II a.C. e o III d.C.

venres, 16 xan 2009
1232117829proxectocastro160109.jpg
"O ano pasado rematamos a musealización do xacemento romano de Toralla e agora non podiamos permitirnos perder parte do noso patrimonio histórico como é O Castro", subliñou o tenente de alcalde. Pola súa banda, a concelleira de Patrimonio Histórico destacou que ademais da propia recuperación do xacemento e a súa protección, a actuación prevista quere cumprir tres obxectivos fundamentais. En primeiro lugar levarase a cabo a reconstrución dunha unidade doméstica integrada por tres edificacións que ilustrarán a vida cotiá dos seus moradores. Ademais, habilitarase un paseo polo contorno que sexa totalmente accesible e en terceiro lugar integraranse os restos no conxunto do monte do Castro e das rutas culturais da cidade.

A arqueóloga e coordinadora do proxecto explicou que no tocante á protección dos vestixios arqueolóxicos levarase a cabo o seu valado, a reserva dunha área para investigacións futuras e a súa reescavación. Neste sentido indicou que este proceso é preciso posto que "hai xa arredor de vinte anos cando se desenvolveron as últimas escavacións". Respecto a deseño do percorrido de visita, este irá acompañado por un sistema de cartelería que os explique de forma entretida e que dea conta de que este castro non estaba illado, senón que "formaba parte dunha rede de poboamento que nesta zona era moi densa".

A actuación require o traballo coordinado dun equipo de diferentes profesionais, integrado, ademais de pola arqueóloga, por un enxeñeiro forestal, un arquitecto e tres especialistas en deseño gráfico.
Descargar todas as imaxes