Escoitar

Vigo é a primeira cidade de Galicia en ter autorizados os seus proxectos do Plan estatal de Inversión Local

A Ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestaron que Vigo é a primeira cidade de Galicia e "unha das primeiras de España" en ter autorizados todos os seus proxectos presentados ao Plan Estatal de Inversión Local do Goberno de España.

venres, 16 xan 2009
1232110849fotosalgadoalaclde.jpg
Abel Caballero mostrou a súa "satisfacción" pola visita á cidade da Ministra, e adiantou que, unha vez xa foron aprobados polo Ministerio, o 20 de marzo estarán contratados os 43 proxectos por valor de máis de 52 millóns de euros, a terceira parte do total autorizado ata o momento en Galicia. O obxectivo do rexedor local pasa por aproveitar "ata o último euro" do Plan Estatal, que suporá en Vigo un total de 4.500 empregos, dos que uns 1.100 serán de creación directa.

Elena Salgado visitou Vigo, o pasado xoves, para inaugurar a humanización do entorno do Calvario e para reunirse a primeira hora da tarde co alcalde, quen lle informou polo miúdo dos proxectos que se desenvolverán na cidade con cargo ao fondo estatal. A titular de Administracións Públicas puido comprobar en persoa, segundo indicou, o modelo de investimentos que se leva a cabo na cidade, humanizacións para mellorar a calidade de vida dos cidadáns e facer unha urbe "máis cómoda, máis bonita e máis humana", salientou.

A Ministra de Administracións Públicas animou a todos os Concellos a presentar os seus proxectos antes do 24 de xaneiro, data na que remata o prazo de presentación, tal e como xa ten feito a cidade de Vigo.

Segundo indicou, o Goberno de España xa aprobou 371 proxectos correspondentes a 73 concellos de Galicia, con un orzamento de 140 millóns de euros e unha estimación de 3.704 postos de traballo directos. En España, o Ministerio validou ata hoxe 7.376 proxectos en 1.495 concellos de todo o país, por un importe de 3.156 millóns de euros e que suporán 85.450 novos empregos.
Descargar todas as imaxes