Escoitar

O congreso sobre a Reconquista celebrarase os días 12 e 13 de marzo coa presenza dos maiores expertos europeos

O tenente de alcalde, Santi Domínguez anunciou este xoves que o congreso que terá lugar sobre a Reconquista os días 12 e 13 de marzo no Centro Social Caixanova contará coa presenza dos maiores expertos europeos. Ademais, Santi Domínguez confirmou que a web www.reconquistadevigo.com está xa plenamente operativa en catro idiomas, galego, castelán, inglés e francés.

xoves, 15 xan 2009
1232028744reconquista150109.jpg
"Dende a Tenencia de Alcaldía traballamos para que a celebración do Bicentenario sexa especial, completa e con presenza de especialistas de prestixio internacional, tal e como acontece co congreso que se celebrará sobre a Reconquista", explicou o tenente de alcalde. Así, subliñou que este simposio ten confirmados a todos os seus poñentes, todos eles na élite mundial da investigación histórica sobre a época napoleónica. Entre os conferenciantes destaca a presenza dun descendente de Napoleón, o príncipe Charles Napoleón Bonaparte, que estará en Vigo na inauguración do congreso. Ademais, estarán profesores de universidades como a de Oxford, Liverpool ou Stirling, no Reino Unido, ou a Sorbona, en Francia.

Santi Domínguez lembrou que o 28 de marzo de 1809, un levantamento popular permitiu recuperar Vigo da ocupación das tropas napoleónicas. Máis de 1.400 soldados imperiais foron feitos prisioneiros, mentres que desde a vila olívica, organizouse despois unha ofensiva en toda Galicia que levou á retirada definitiva do exército de Napoleón. Segundo o tenente de alcalde, este feito histórico, que os vigueses conmemoran como "A Reconquista", tivo gran transcendencia posto que Vigo gañou o título de "cidade", concedido pola Rexencia, e para os exércitos de Napoleón, foi a primeira ocasión na historia en que debían retirarse, de xeito definitivo, dunha praza conquistada.

Entre os participantes figuran Charles Esdaile, profesor de Historia (Europa Napoleónica e España Moderna). Actualmente está a traballar nun estudio sobre o Reino Napoleónico de España (1808 – 1813). Jean René Aymes, Catedrático Emérito da Universidade da Sorbona de Paris III, adícase ó estudio das relacións hispano-francesas nos seus máis variados aspectos (conflictos, influencias recíprocas, relatos de viaxes…) abarcando os séculos XVIII e XIX. Michael Broers, os seus intereses son a historia de Italia e Francia nos séculos XVIII e XIX, particularmente no periodo Napoleónico. É un experto nas aplicacións das teorías do imperialismo cultural en Europa no contexto da Revolución Napoleónica. Michael Rapport é profesor do departamento de Historia da Universidade de Stirling. Foi secretaio de Sociedade para o Estudio da Historia Francesa entre o ano 2000 e o 2005, e é Editor do xornal "French History".

Xosé Ramón Barreiro Fernández tamén participará no congreso. É catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na Universidade de Santiago de Compostela. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia. Desde o 20 de decembro de 2001 é o presidente da Real Academia Galega e está considerado o maior experto sobre a época napoleónica en Galicia. Charles Napoleón Bonaparte Napoleón VII, Príncipe Imperial. Naceu en 1950, é un político francés e a cabeza da Casa Imperial de Francia como tataraneto do irmán do Emperador Napoleón.E doutor en Economía pola Universidade da Sorbona. Escribiu ensayos e libros incluindo "Historia do Tarnsporte Urbán ", "Bonaparte e Paoli" "Os Bonapartes, espíritos rebeldes" e "Por unha nova República". É profesor do Instituto Americano de Politicas extranxeiras. No ano 2000 presentouse as eleccións para a alcaldia de Ajaccio, a cidade dos Bonaparte, e no 2004 foi elexido como tenente alcalde desa cidade. Actualmente, lidera o partido "Ensemble Pour Les Nemouriens"

A web da Reconquista

O tenente de alcalde subliñou que a Reconquista 2009 estrea páxina web, que se converterá no portal para presentar a ampla programación do bicentenario, nunha iniciativa sen fronteiras, con vocación internacional, como demostra o feito de que estea dispoñible en catro idiomas: galego, castelán, inglés e francés.

www.reconquistadevigo.com permitirá chegar non só ao público vigués e galego, senón tamén ao foráneo, ademais de ter unha función de servidor de novas sobre o evento e a súa programación. Os seus contidos son diversos e comezan cun resumo histórico dos feitos acontecidos en Vigo no ano 1809. Ademais, poden consultarse documentos históricos e pezas que estarán presentes na exposición "Reconquista: 1809-2009", que se inaugurará no Museo de Castrelos o próximo 6 de marzo.

Na sección "axenda" poderán coñecerse os eventos inmediatos, o seu emprazamento e calendario. A área "multimedia" permitirá ver fotografías e carteis de edicións anteriores da festa no Casco Vello, mentres que na sección de "novas" irán aparecendo as diferentes informacións que vai xerando o evento. Un reloxo marcará os días que restan para o 28 de marzo, mentres que están dispoñibles vídeos on-line sobre a edición da festa do ano 2008. Asemade, adiántanse algúns contidos das actividades previstas, como "A Reconquista na rúa", que achegará a festa aos barrios de Vigo, a través de representacións dramáticas e información sobre a exposición e o I Congreso sobre a Reconquista de Vigo: 1809-2009.
Descargar todas as imaxes

Máis información