Escoitar

Vigo acolle esta fin de semana unhas xornadas de Dereito Social

O alcalde, Abel Caballero, presidíu hoxe venres a inauguración das "XII Xornadas de Outono de Dereito Social: novas tendencias na unificación de doutrina", que rematan mañá sábado. O evento, que contará coa presenza de diversos maxistrados do Tribunal Supremo, estudará materias como a seguridade social, os contratos temporais ou os dereitos da inmigración.<br />

venres, 14 nov 2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou oficialmente este venres as "XII Xornadas de Outono de Dereito Social: novas tendencias na unificación de doutrina", organizadas por Xustiza e Sociedade de Galicia, acompañado polo coordinador das mesmas, Matías Movilla.

Vigo acolle durante hoxe venres e mañá sábado un foro sobre dereito social que abordará temáticas como as últimas tendencias xurisprudenciais de seguridade social, o accidente laboral e os criterios para a determinación da indemnización civil por accidente de traballo, a concatenación de contratos temporais e os dereitos do estranxeiro.

O alcalde, na súa intervención, salientou a proximidade que ten para os cidadáns as distintas ramas do dereito social así como a importancia da adaptación do dereito ao progreso da sociedade. Abel Caballero deu a noraboa aos organizadores por ter escollido Vigo para esta nova edición, cidade que "aglutina o maior número de casos" do dereito social, afirmou o rexedor.

As Xornadas reunen na cidade olívica a distintos maxistrados da Sala 4ª do Tribunal Supremo e concluirán mañá sábado coa actuación do coro do Colexio de Avogados de Vigo.