Escoitar

O programa "Cólgate da vela" ofrece 151 prazas gratuitas para nenos e nenas dos centros escolares de Vigo

O programa "Cólgate da vela", posto en marcha pola Federación Galega de Vela en colaboración coa Dirección Xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego, ofrece 151 prazas gratuitas para escolares dos centros educativos de Vigo co obxectivo de promover a vela en catamarán entre a xente moza.

xoves, 2 out 2008
1222953386vela.jpg
Así o expresaron este xoves no acto de presentación a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; o presidente da Federación Galega de Vela, José Ángel Rodríguez; o concelleiro de Deportes de Vigo, Xabier Alonso; o responsable do programa Punto Pasión Playa, Tono Teixeiro, e o director deportivo do programa, Jorge Maciel.

A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, recordou que Galicia conta coas mellores infraestructuras naturais, como son as rías galegas, e que a Dirección Xeral para o Deporte traballa para complementalas con outras instalacións como o Centro Galego de Tecnificación de Vela: "Hai só unha semana estabamos inaugurando o centro, e dentro deste edificio contamos cunha escola de vela que ven dar continuidade a estes proxectos de traballo coa base", sinalou na súa intervención, ademais, explicou que esta planificación ten como obxectivo acadar representación galega en Londres 2012, despois do éxito acadado en Beijing con Fernando Echavarri e Antón Paz. Así mesmo, Marta Souto quixo agradecer o apoio de Caixanova nesta iniciativa, "xa que sen a súa colaboración non sería posíbel".

O concelleiro de Deportes de Vigo, Xabier Alonso, destacou na súa intervención que o Concello de Vigo "está encantado de acoller este proxecto", posto que vai permitir a moitos nenos e nenas da nosa cidade a achegarse ao mundo da vela.

O proxecto "Cólgate da vela" oferta 150 prazas para nenos e nenas de idades comprendidas entre os 12 e os 14 anos e o curso se desenvolverá nos meses de outubro, novembro e decembro na Escola de Vela da praia do Vao. Serán grupos de un máximo de 30 persoas que sairán ao mar un día a semana polas tardes. O alumnado inscrito recibirá coñecementos técnicos e clases prácticas na mar, utilizando embarcacións tipo catamarán Hobie Wave da Escola de Vela de Catamaráns do punto Pasión de Vigo. A parte teórica contempla temarios como "Coñecemento e respecto do medio mariño", "Regulamento de regatas" e "Formato dunha competición". Respecto á parte deportiva explicarase a "Montaxe e transporte dun catamarán a vela" así coma o seu manexo.

Ó programa inclúe o equipamento completo que utilizarán, de xeito alternativo en préstamo os futuros regatistas, como son o traxe de neopreno, cortaventos e un chaleco, e está dirixido tanto a nenos e nenas que xa saiban navegar coma os que non. Os centros escolares de Vigo que o desexen poden inscribirse na web www.pasionplaya.com, ou no teléfono 984 446060.
Descargar todas as imaxes