Escoitar

Tráfico instalará 15 novos reductores de velocidade para garantir a seguridade dos peóns

O edil de Mobilidade, Transporte e Seguridade, Xulio Calviño, anunciou hoxe venres a colocación de 15 novos resaltes en puntos con densidade de peóns, para garantir a seguridade dos mesmos. Esta medida se suma aos 4 reductores e aos 3 pasos peonís elevados xa instalados na cidade nos últimos meses.

venres, 19 set 2008
1221830935xulio.jpg
O concelleiro de Mobilidade, Transporte e Seguridade, Xulio Calviño, anunciou este venres a colocación de 15 novos redutores de velocidade prefabricados en distintos puntos da cidade con intensa afluencia de persoas. Con esta medida se pretende mellorar a seguridade, "preocupación prioritaria do goberno", indicou Calviño.

Os bos resultados comunicados polos veciños dos catro redutores xa instalados -en Riobó Salgueira, nas entradas á zona peonil do Calvario, na rúa Baiona fronte ao colexio Seis do Nadal e na entorno da rotonda da Avenida de Europa-, levaron á Concellería a ampliar a medida e determinar, mediante estudos de velocidade, intensidade do tráfico e seguridade peonil, os 15 novos puntos da cidade.

Así, Xulio Calviño adiantou que se instalarán os novos dispositivos na rúa Moledo, na Baixada ao Vao, en Maceiras (Teis), en Pedro Alvarado, na rúa Eifonso con Xeme (Bembrive), en Manuel Cominges (á altura do colexio público de Matamá), na rúa Estrada (zona do colexio público), en Pablo Iglesias (zona do colexio de Balaídos), nas rúas Cesáreo Vázquez e Costa Castrelos (tamén zonas de centros escolares), na rúa Quirós, na rúa Seixo Castrelos, no Colexio Público Rocío, na rúa Canido e na Avenida de Galicia; estas últimas, pendentes da autorización da Xunta de Galicia.

"Avanzamos na seguridade do noso entorno", salientou o edil, quen se mostrou "convencido de que a medida será moi ben recibida" polos veciños. Para ilustrar a necesidade dos redutores, Calviño citou algunhas das velocidades máximas acadadas nos distintos puntos, salientando os 160 km/h da Baixada ao Vao.

Pasos elevados
A colocación dos redutores de velocidade non impedirá a instalación de novos pasos elevados na cidade. Nestes últimos meses, Tráfico emprazou tres máis, que se suman ao de Fragoso: dous en Samil e outro á altura do Centro Cultural e Veciñal de Beade.

Xulio Calviño informou que, de cara ao vindeiro ano, a súa concellería solicitará a inclusión dunha partida orzamentaria de 150.000 euros para este fin, e complementar así os reductores de nova instalación.
Descargar todas as imaxes